O tren que podería transportar un tesouro

xosé a. pombo

RIBADEO

CEDIDA

O proxecto de Lugo a Ribadeo por Vilalba coincidiu co que iría dende o Bierzo ata a ría ribadense

08 jun 2020 . Actualizado a las 09:30 h.

Ben se sabía hai cen anos, ao igual ca hoxe, que o ferrocarril traería progreso e riqueza. As máquinas de vapor movían cartos e ideas. Non resulta raro que, ao igual que hoxe, aparecesen escritos chamando pola construción de camiños de ferro que habían traer progreso aos territorios por onde discorresen. Así pois, nos tempos do 1900 e 1920 todos querían, coma na actualidade, que o tren chegase ata os seus lugares.

No caso do pretendido ferrocarril Lugo-Ribadeo por Vilalba e Mondoñedo, sabemos da existencia dunha idea que poñía en perigo ese trazado. Era o trazado alternativo que pretendía deseñalo dende Lugo por Meira ata enlazar co xa construído de Vilaoudriz a Ribadeo. Foi nese contexto como apareceu un novo proxecto.

En 1928 publícase un folleto que leva por título Los grandes intereses nacionales. El ferrocarril de Ribadeo al Bierzo. Obra de autor descoñecido que se define como lugués de nación e amante do Bierzo, o escrito preséntase en sesenta e tres páxinas de texto e anexos ilustrados con catro mapas.

A través das súas liñas deféndese a necesidade de construír un ferrocarril que unise o Bierzo (Vilafranca) con Ribadeo e que discorrese polo oriente lugués ata chegar ao mar. A filosofía da publicación era a mesma ca a do caderno que vira a luz dous anos antes defendendo o trazado de Lugo a Ribadeo por Vilalba e Mondoñedo. Para confirmar o que se defende, recórdase que o Concello de Lugo xa acordara pedir ese trazado, xunto con outros, o 6 de maio de 1925, e que as deputacións de Lugo e León, por medio da consabida comisión, entregaran a mesma petición ao ministro de Fomento o 28 de febreiro de 1927.

Ao igual do que constaba no informe do trazado Marín-Ribadeo por Lugo, tamén na defensa do trazado do Bierzo a Ribadeo polo oriente lugués póñense por escrito as riquezas e perspectivas económicas de 1928 cuns datos moi optimistas pero que son representativos do potencial das comarcas que atravesaría o tren. Realizando a argumentación con orde, o autor divide o territorio en tres zonas. Serían o Bierzo, as montañas luguesas e finalmente a vila, peirao e ría de Ribadeo. O Bierzo, cos seus dous partidos xudiciais de Ponferrada e Vilafranca, preséntase como unha comarca agrícola fértil onde se cultivan todo tipo de produtos, con especial mención ao seu viño. Entre outros exemplos da abundancia do territorio cítanse un coñecido dito popular, «Galicia é a horta e Ponferrada a porta», e recórdase que cando o xeneral francés Soult, en 1809, perseguía ao exército inglés de Moore camiño da Coruña, describíalle a Napoleón a riqueza do Bierzo, da que se beneficiaban os seus 35.000 soldados, fronte á austeridade da Meseta.

O informe concreta en cifras a produción agrícola anual naqueles anos. Cítanse 100.00 hectolitros de viño, 153.115 quintais de cereais, 8.095 quintais de fabas e feixóns e 4.755 quintais de garavanzos. Fanse constar as posibilidades das fontes de augas medicinais e dos negocios que se realizan nas súas principais feiras. Mención especial merecía a riqueza mineira que citamos máis abaixo.

As montañas do oriente lugués, onde se asentan os partidos xudiciais de Becerreá e da Fonsagrada e parte doutros, inícianse nos Ancares con picos que chegan aos 2.000 metros de altitude e con portos e vales onde a riqueza forestal está presente en forma de castiñeiros, nogueiras, cerdeiras, maceiras, pereiras e carballos. Tamén posúe fontes minerais salutíferas, coma as do Incio. A explotación de cales, lousas, arxilas e outros minerais ofrece excelentes posibilidades de comercialización. E son lugares de comercio as feiras de Becerreá, Pedrafita (ambas das mellores de Galicia), xunto coas de Triacastela, Baralla, Doncos, Seixas, Fonsagrada, Navia, Meira e Cádavo e outras menores.

A terceira zona é Ribadeo. Recórdase a longa historia documentada da vila, a capacidade de carga do seu peirao, a existencia dun cargadoiro de mineral de ferro xa construído e que os fondos da ría permiten manobrar os daquela grandes cargueiros. Nas proximidades negóciase nas feiras de Valín, Cabarcos, Reinante, Barreiros, Trabada, Vilaoudriz, Coforto, Dompiñor e Cubelas. O comercio ribadense é referente nas vilas próximas emprazadas a unha e outra beira da ría (Castropol, A Veiga, Tapia e As Figueiras).

A través das liñas onde se describe toda a riqueza das comarcas que atravesaría o tren do Bierzo a Ribadeo, descóbrese o auténtico motivo para a súa construción. O tesouro estaba no transporte da riqueza mineral das comarcas que atravesaría. O carbón e o ferro do Bierzo poderían ser posto nas aceirías do País Vasco e mesmo doutros portos europeos. Téñase en conta que nestes anos de entre as dúas guerras mundiais estaba en plena expansión a industria pesada en toda Europa, que tiña como base maquinaria de ferro e aceiro, e para levala adiante era imprescindible a transformación de materias primas que se explotaban alá onde as houbese.

Explícase no informe que a zona nordeste de Vilafranca-Ponferrada-Astorga posuía gran abundancia de carbóns que precisaban ser postos nos mercados e, tendo en conta que a Meseta xa se abastecía das minas palentinas, era necesario darlles saída ao mar. Máis ao sur da zona carbonífera, nas 1.351 hectáreas do chamado couto Wagner, descubríranse minas de ferro que, explotadas, servirían para facer máis rendible un tren exportador.

A este mineral engadiríase as posibilidades da riqueza férrica que tamén se daba nas montañas orientais de Lugo, e como mostra apórtase unha listaxe das case 1.100 minas denunciadas nesta extensa comarca que se distribuían polos concellos de Pedrafita, Becerreá, Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Meira, Castro de Rei, Trabada, Vilaoudriz-Vilameá (actual A Pontenova) e Ribadeo. Case todas de ferro, pero tamén aparecían algunhas carboniferas, de chumbo, de cobre, piritas auríferas e arxentíferas,... E ademais había que contar cos xacementos de cal, arxilas e lousas que se poñerían en actividade. Serían estes concellos os máis beneficiados polo demandado ferrocarril.

Naqueles tempos manexábanse dúas posibilidades para facer chegar os minerais ata os barcos, que á súa vez poderían poñelos en mercados de lonxe. A primeira era levalos ata o peirao de San Esteban de Pravia (Asturias) mediante un ferrocarril que atravesase os altos cumes da cordilleira Cantábrica polo porto de Leitaregos, ao norte de Villablino. Pero sería unha liña de trazado oscilante, de fortes pendentes e afectada por un duro clima invernal. Por outro lado esta opción tiña o inconveniente do pouco calado do peirao de San Esteban de Pravia.

A segunda opción sería o defendido trazado do Bierzo a Ribadeo. Esta posibilidade ofrecía mellor trazado por seren montañas non tan abruptas, por un clima invernal non tan rigoroso, porque poñería en valor os minerais da zona e porque finalizaría nun porto que admitía barcos de maior tonelaxe que San Esteban. Engade o autor cifras que poñen de manifesto o beneficio económico dunha liña Vilafranca-Ribadeo. No oriente lugués favorecería directamente a case 180.000 habitantes e indirectamente a outros 290.000. A riqueza gandeira, que se favorecería coa exportación, estaba presente con 12.800 cabezas de gando cabalar, 126.000 de gando vacún, 144.000 de porcino, 147.000 de ovino e caprino e 440.000 avícola. E todo sen contar coa posibilidade de conectalo co previsto ferrocarril da Costa nin coa construción dunha conexión de Vilafraca coa Pobra de Seabra ou Sanabria.

Como punto final do estudo quedaba a conexión co importante nó ferroviario de Lugo e que a capital provincial quedase conectada con ese ferrocarril. Para este fin expoñíase a idea de levar un secundario dende O Cádavo ata a cidade pero sen citar que serían outros 40 quilómetros de trazado, que se necesitaría unha hora de viaxe para percorrelos e que cumpriría maquinaria complementaria para cubrir o traxecto.

Foi este outro proxecto máis que traería riqueza ás terras galaicas. Nunca se realizou, ben se sabe. E os ferrocarrís, ao igual ca hoxe, foron chegando con máis atraso do que os habitantes do país merecían e merecen.