A Illa Pancha en tempos de despiste

Colectivo Por Nuestro Faro

RIBADEO

JOSE ALONSO

28 abr 2020 . Actualizado a las 19:41 h.

      Anque a atención informativa está centrada no problema do Coronavirus non queremos deixar pasar mais tempo sen dar conta de algúns asuntos de actualidade en relación ca Illa Pancha.

        En primeiro lugar debemos suliñar a nosa sorpresa ao descubrir que o Concello de Ribadeo publicita un negocio privado a través de unha fotografía aparecida na páxina de Facebook “Turismo de Ribadeo” tomando parte directa no apoio á privatización da Illa Pancha, sendo que non fai o mesmo con outros establecementos do sector. Consideramos improcedente que o concello utilice os medios públicos para facer publicidade de unha empresa privada xerando un agravio comparativo que non pode pasar desapercibido. Entendemos, polo demais, que esta maneira de actuar é coherente co a política que ven seguindo o goberno municipal neste tema, dende o ano 2014, cando se ocultou aos ribadenses a xestión que se estaba iniciando para privatizar a Illa Pancha. Sen ir máis lonxe, hai varias semanas enterámonos pola prensa de que a empresa adxudicataria da concesión estaba xestionando, dende unha data que o concello  mantivo oculta á opinión pública, un novo proxecto de cafetería. Respecto deste asunto presentamos un escrito no rexistro do concello pedindo o acceso ao expediente desta novo proxecto de cafetería. Entendemos que esta petición non debera ser necesaría nunha sociedade medianamente democrática, xa que ao concello sóbralle de saber que o Colectivo por Nuestro Faro representa a un sector apreciable da opinión pública ribadense e un mínimo de transparencia institucional debera traducirse nunha información aberta, non a nos directamente, senón ao conxunto da opinión pública. Seguindo este método participativo a veciñanza tería a oportunidade de enterarse con tempo dos  trámites e proxectos que se están xestionando e non recibir as noticias no último minuto, a través de notas de prensa mais ou menos sesgadas, cando xa non queda tempo para exercer os dereitos democráticos, promover debates ou presentar recursos, se fose procedente. Todo este prantexamento forma parte de un modelo de información e participación da veciñanza que ainda non callou no concello de Ribadeo, polo menos no que atinxe ao caso do faro da Illa Pancha que é o motivo do noso colectivo.

        En relación co anterior debemos suliñar que estamos na agarda de que se nos recoñeza o dereito a consultar o novo proxecto de cafetería na Illa Pancha, que xa solicitamos antes de que se presentara o problema do coronavirus. Entendemos que teremos acceso ao devandito expediente cando acabe o estado de alarma e agardamos que o concello non tome decisións ao abeiro da opacidade do periodo que estamos pasando.

        Outro punto que debemos lembrar é o asunto do dereito ao acceso libre á Illa Pancha que vimos reclamando dende hai moitos meses e que o concello debera esixir á empresa concesionaria dende o día 1 de decembhro de 2017, por ser a data de concesión da licenza de actividade pero que non se fixo efectiva a día de hoxe. Deixando aparte que a situación actual supón un paréntese nesta cuestión debemos suliñar que  a resolución da Fiscalía de Lugo recoñeceu expresamente o dereito incuestionable dos veciños e visitantes  a ter o libre accso á Illa Pancha a primeiros de xaneiro de 2020, ou sexa dous meses antes de que comezase a situación excepcional xenerada pola pandemia, sen que o concello tomase nengunha iniciativa práctica  para garantir este dereito cidadán, como veu facendo nos dous anos longos trancurridos dende a data de concesión da licenza de actividade. Pola nosa banda remitimos un novo escrito á fiscalía no mes de marzo aportando novos datos, do que agaradremos resposta cando a ituación se normalice.

        En resumen, suliñar que o noso grupo segue activo e pendente da evolución dos feitos expostos mais arriba e particularmente vixiante de que non se tomen acordos ou decisión que perxudiquen aos intereses colectivos dos ribadenses en beneficio de unha empresa privada ao abeiro do silencio administrativo imposto por estas circunstancias excepcionais