«Tivemos que mudar hábitos, como o de bicarnos e abrazarnos»

s. varela REDACCIÓN / LA VOZ

RIBADEO

Victoria Guevara

Carmen Rubiños, directora da residencia de anciáns da Deputación en Ribadeo: «Tomámoslles a temperatura aos maiores todos os días, a algúns ata tres veces»

27 mar 2020 . Actualizado a las 17:16 h.

As alarmantes noticias de que a UME atopou falecidos e enfermos en varias residencias de España non provocaron medo nas familias dos 117 maiores lucenses que residen nos catro centros que xestiona a Deputación de Lugo en colaboración cos concellos de Ribadeo, Trabada, Pol e A Fonsagrada, nos que traballan unhas 90 persoas. «Desde antes incluso de que se decretase o estado de alarma xa reunimos aos usuarios e chamamos ás familias para explicarlles que iamos tomar medidas especiais e que necesitabamos colaboración», explica a directora do centro de Ribadeo, a psicóloga Carmen Rubiños. A Deputación xa tiña preparado unha semana antes un protocolo que facía máis restritiva a entrada de persoas alleas aos edificios, e coidáronse aínda máis as medidas de limpeza e hixiene, tanto nas instalacións como no persoal.

Nos centros da Deputación os usuarios reciben todos os días explicacións sobre o que está ocorrendo no exterior, e reforzáronse os traballos comunitarios, boa parte deles encamiñados a enviar mensaxes de ánimo ás súas familias e, á vez, recibir o agarimo dos seus seres queridos.

«Un confinamento pódese abordar desde dúas variables: ou ben ser unha inxección de medo ou con información veraz. Se o facemos coa segunda premisa creo que o perigo é menor, porque o confinamento é unha cuestión voluntaria, non obrigada, e cando hai unha escolla persoal a ansiedade é menor», explica Rubiños. Na residencia de Ribadeo hai na actualidade 42 anciáns.

-Como levan o traballo nun momento de tanta incerteza?

-Non nego que con moita presión, pero tamén con seriedade e tranquilidade. Aplicamos todos os protocolos, e os traballadores somos os primeiros convencidos. Incluso preparamos escenarios que aínda non se produciron para non deixar nada á improvisación.

-Supoño que terían que mudar as súas formas de traballar.

-Nós levamos dez meses e xa tiñamos un protocolo cando viñamos das casas a traballar, pero agora isto supón un esforzo constante. Por exemplo, era habitual ao chegar bicar, abrazar e saudar aos residentes, saía de maneira instintiva. Agora temos que adoptar un punto de vista máis frío, pararnos e non facer rutinas que tiñamos. E coas persoas que teñen un deterioro cognitivo e non entenden a situación é máis difícil, porque eles veñen directos a collerte.

-E os controis serán maiores?

-Tomamos a temperatura todos os días, e se algún usuario tivo que ir ao médico tómaselle ata en tres ocasións ao longo do día.

-E as familias?

-Moi ben, colaboran. Como nos coñecen e pasan moitas horas con nós no centro xa saben como traballamos.