Suspendido o concurso de puzzles en Ribadeo

Yolanda García Ramos
yolanda garcía RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

«Animouse un montón de xente pola curiosidade do concurso de puzzles»

12 mar 2020 . Actualizado a las 16:10 h.

Seguro que poucos serán os que nunca na súa vida fixeran ou completaran un puzzle. Un dos xogos de mesa clásicos, todo un exercizo de «mindfulness», chega como certame a Ribadeo pois alí celebrarase este domingo 15 o I Concurso PuzzlEo. Ademais, cun tirón inesperado por parte das organizadoras Patricia Pérez Leal, Silvia Martinez (firma tamén como Sibimar a autoría do cartel anunciador), Gemma Quintana e Adriana Oliveros. Son socias da Asociación Española do Puzzle (Aepuzz). As prazas non só se esgotaron, senón que se tiveron que duplicar e quedaron parellas en lista de agarda.

-Que vos animou a organizar esta cita que é toda unha novidade?

-Como temos participado noutros concursos, animámonos, porque en Galicia non hai máis que os que se organizan en A Coruña e Laracha. Noutras comunidades hai máis afección e torneos. Foi por mellorar a rede de concursos e poñer Ribadeo no circuito nacional. A nosa funciona como unha convocatoria local, ainda que temos por detrás a Asociación Española do Puzzle. Non hai unha liguilla pero si un ránking coas persoas que teñen o mellor tempo de montaxe.

-Teñen un cento de inscritos!

-Ultimamente, nos concursos de puzzles, ainda que sexan un puebliño pequeno moven un montón de xente. Ribadeo está nunha situación algo estratéxica entre Asturias e Galicia pero non pensamos que as inscricións foran tantas en tan pouco tempo, porque o primeiro día que abrimos as inscricións, o 20 ás doce da noite... Ai Deus! Nunha hora cubríronse as 26 prazas que tiñamos! Empezaron a entrar inscricións pero xa ían para a lista de agarda. Falando con Aepuzz e outros compañeiros, dixemos de cambiar de local e ampliar prazas porque non podiamos deixar a tanta xente fóra.

-A que se debe ese aluvión?

-Debe ser que esperta curiosidade na zona. De feito, ainda que vén moita xente de fóra (Madrid, Valladolid, Toledo, León, A Coruña, Laracha...) ao comentalo á xente de Ribadeo parece que saíron «os dos puzzles» das sombras [sorrí]. Animouse un montón de xente! É unha afección que adoitamos facer na casa, cos irmáns ou pais e cando descubres que hai unha asociación española, que hai concursos e que hai un movemento incluso a nivel internacional, esperta a curiosidade.

-A que se debe ese aluvión?

-En canto a idades, o rango é basante amplo. Para este primeiro concurso só nos animamos a facelo para parellas que soen ser adultos. Ainda así, algunha parella está formada por un pai e un fillo menor e hai parellas dende 20 anos a máis de 70 e moitos...

-Coñece aos máis rápidos?

-Na páxina web de Aepuzz está o ránking nacional e hai xente que pode rematar un puzzle de 500 pezas en 28 ou 30 minutos. Tamén hai quen chega ás dúas horas e non o remata. Pero ainda así, sempre se contan as pezas postas e esa sería a túa marca, que se pode mellorar no seguinte.

-Pregúntolle xa máis pola súa afección persoal. Cando comezou?

-Teño compañeiros que teñen a afección dende pequenos. No meu caso igual foi máis en serio, facéndoos xa de pezas de 1.000 ou 1.500, sendo adolescente. Foi unha afección que fun deixando por temporadas e volvendo a coller e que cando enganchas non podes parar. Dende que reenganchei metinme máis en concursos.

-Gañou algunha vez un premio?

-Non. Eu participo e pásoo ben, pero hai xente moi moi rápida.

-Cal foi a súa mellor marca?

-Un de 500 pezas fíxeno nunha hora e trece minutos. Estou nun equipo de A Coruña, Equipo Panush. Temos competido a nivel internacional. Facemos forza.