En Ribadeo organizan a gala «Por Elas e para Elas» este sábado no Cine Teatro

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

As mulleres, colectivos e a título individual, serán as grandes protagonistas

04 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ribadeo celebrará o Día Internacional da Muller coa Gala Por Elas e Para Elas, que terá lugar no Cine Teatro o vindeiro sábado, 7 de marzo, a partir das oito da tarde. A entrada é libre e gratuíta. O evento foi presentado onte no salón de plenos do Concello.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, sinalaba: «Vimos presentar a acción que a Concellaría de Igualdade en colaboración co CIM, está a organizar para conmemorar o Día Internacional das Mulleres. Seguindo as liñas propostas este ano pola unión do feminismo galego, nas cales se decidiu situar os coidados no centro das reivindicacións deste 8 de marzo, baixo o lema `Sen coidados, non hai vida´, artellamos este acto a nivel local, para poñer o foco nos coidados das persoas da nosa vila».

A directora do CIM, Luisa Couceiro, contou que «debemos destacar que todas as mulleres que participarán na gala son de Ribadeo pois é a nosa idea facer que sexa por elas e para elas. E por iso contaremos coa presenza de Carmen Rodríguez, que é a música e compositora que temos en Ribadeo; Silvia Murias, que é unha poeta afeccionada; o grupo da Escola Municipal de Danza; as mulleres do programa de dinamización das parroquias de Ribadeo Aquí como de 20, que tamén terán un papel importante nesta gala; a asociación de amas de casa; e o grupo de teatro de Ribadeo, que se encargará de presentar o acto. Vai ter unha duración aproximada dunha hora e nese tempo imos desfrutar de actuacións musicais, de danza, recitais de poesía, proxeccións de vídeo, … E ademais contaremos cun fotomatón á entrada do Cine Teatro para que todas as persoas que asistan poidan levar un recordo desta gala dedicada aos coidados e feita por elas e para elas».

Pola súa banda, Beatriz Yáñez, técnica de Igualdade do CIM, explicou que a Gala vai facer un recoñecemento ás mulleres que levan encargándose do ámbito dos coidados historicamente sen ningún tipo de recoñecemento.