O Concello de Ribadeo axuda a tramitar as solicitudes do pago único por menores de 3 anos

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

A cuantía das axudas van de 360 euros a 2.400 polo terceiro fillo e sucesivos

15 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante o interese que está suscitando a convocatoria da prestación económica da Xunta de pago único por fillos e fillas menores de tres anos para este ano 2020, o Concello de Ribadeo bríndase a asesorar e axudar ás familias na elaboración do expediente, na súa tramitación e no posterior envío á Xunta. O prazo de presentación da documentación remata o día 10 de marzo. A cuantía das axudas será de 360 euros polo primeiro filla ou fillo, 1.200 euros pola segunda filla ou fillo e 2.400 euros polo terceiro e sucesivos.

Poden beneficiarse destas axudas as persoas que teñan fillos ou fillas, nados entre o 1.1.2017 e o 31.12.2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2018, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do IRPF, correspondente a ese período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso. Serán igualmente beneficiarias polas fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución xudicial ou administrativa.