«O obxectivo non é vixiar a nova residencia de Ribadeo, senón apoiala»

A asociación promaiores ribadense xa está legalizada, e agora busca directiva


ribadeo / la voz

A nova residencia de maiores de Ribadeo, inaugurada o ano pasado, foi un éxito colectivo dos ribadenses, froito da unión da sociedade civil e dos partidos políticos para reivindicar unha infraestrutura que necesitaba o concello. En xuño abriu as portas cunha xestión semipública, tutelada pola Deputación Provincial e adxudicada a Clece. Paralelamente, un grupo de veciños que participaron activamente na Plataforma Pro Residencia de Ribadeo tomaron a iniciativa de promover a creación dun colectivo veciñal para que, dalgún xeito, non se diluíse o espírito comunitario que inspirou o proxecto. Así se creou e legalizou a asociación promaiores José María Rodríguez (en homenaxe a unha das persoas que máis traballaron para propiciar a unión que abocou na residencia). Concluídos os trámites, dan un paso á beira e chega o momento de que outras persoas se poñan á fronte do no colectivo, cuxo fin último non é fiscalizar a residencia nin, moito menos, ser un elemento perturbador, senón servir de apoio.

Porque cando se lanzou a idea desta asociación dende algúns ámbitos entendeuse como un ente para controlar a residencia dende a sociedade civil. E non é ese o obxectivo. Antonio Gregorio Montes, un dos impulsores da asociación, trata de disipar as suspicacias.

-Non se trata de que contribúa a velar polo bo funcionamento do asilo dende un punto de vista da fiscalización, non debe ser iso, senón dende un punto de vista de dinamización e apoio á residencia.

-E xa está todo listo?

-Si. Só falta que apareza un grupo de xente que tire para adiante. Nós o que tiñamos claro é que despois de facer a residencia non podía quedar así, porque o importante é a xente, non as instalacións. Tiñamos pensado facer unha asociación para facer un seguimento e tratar de axudar, pero cando se coñeceu que o modelo de xestión ía a ser semipúblico con máis razón era precisa esa asociación, porque non sendo unha residencia pública pura córrese o risco de que co paso dos anos as institucións acaben delegando máis funcións na empresa adxudicataria. Polo momento, a directora parécenos fenomenal e pensamos que a residencia está en boas mans. Pero claro, mirando a medio ou longo prazo as cousas poden mudar. Sobre todo trátase de que a xente que ten familiares alí poida verse con apoio externo, que poida ter unha alternativa para ver o que pasa na residencia e un instrumento para facer máis cousas, que non sexan simplemente persoas que van a canda os seus familiares e xa está, senón que se involucren máis. Iso xunto coa posibilidade de poder facer máis actividades, que sabemos que están en marcha. Agora mesmo hai unha efervescencia na residencia. A semana pasada souben de que unha das coidadores pediu, e parece ser que vai adiante, levar usuarios ao mercado dos mércores, para o que necesita voluntarios. A asociación podería servir para esas cousas, para ofrecer unha colaboración máis estable, cun colectivo que non inclúa só a familiares, senón a todo o que estea interesado.

-Esa asociación sería, dalgún xeito, a herdeira do movemento social que houbo.

-Si. A Plataforma Pro Residencia primeiro, e a comisión despois, tiveron a súa razón de ser, para reivindicar e meter présa. Pero non ten sentido que agora siga a mesma xente, porque son cousas diferentes. Nós pensamos que tiñamos que dar este paso, e dámolo, e agora, se a xente quere seguir adiante, fenomenal, e senón, pois que quede aí durmida ata que alguén a retome. Nós podemos participar como socios, pero seguir levando a batuta non.

Posponse a xuntanza de mañá ao non ceder o Concello un local

Este sábado ás seis da tarde estaba prevista a xuntanza para darlle forma á asociación. Ía ser nos locais da nova residencia. Para iso, pedíronlle permiso ao Concello o pasado 23 de decembro, pero onte, máis dun mes despois, chegou a resposta negando a posibilidade. O acto suspéndese ata nova data.

-Pasará o tempo e esquecerase o movemento social que houbo para conseguir a residencia.

-O tempo bórrao todo, e isto non vai ser menos. Fixemos alegacións á normativa da residencia que non foron aceptadas co argumento de que ía atrasar a apertura, pero o alcalde adquiriu o compromiso de que máis adiante si se terían en conta. De momento non se fixo, pero tratouse nun pleno para que, de cara ao futuro, quede constancia.

-Tratouse con xustiza a plataforma?

-Sen xustiza dende hai tempo, porque unha vez que o Concello, aproveitando a forza da plataforma, acadou o obxectivo, a plataforma deixou de contar. Tampouco pretendiamos que se contara con nós.

-E xorde esta asociación. Parece coma se algún vise nela un intento de controlar a residencia.

-Si, cando xurdiu houbo quen nos dixo: vos que queredes?, fiscalizar o que se fai? E non se trata diso, senón de ir un pouco á beira, vendo as cousas, e servindo de apoio. Non é fiscalizar, entre outras cousas porque a asociación non vai ter medios para iso. Como moito, poderanse recoller queixas da xente, pero fiscalizar non. Penso que neste momento o Concello xa o comprendeu.

-Pero tampouco tería nada de malo fiscalizar a residencia, non?

-Tampouco, porque todo debe estar correcto, pero insisto, non se trata de vixiar, que parece que é o medo que teñen as institucións, senón de axudar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O obxectivo non é vixiar a nova residencia de Ribadeo, senón apoiala»