«Eu digo que son os meus abueliños»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia RIBADEO/LA VOZ

RIBADEO

MIGUEL

«Son persoas únicas, exclusivas» di Susi Álvarez, técnica do programa ribadense «Aquí?... como de 20!!!», dos maiores que coñeceu grazas ás actividades o

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Arranca en Ribadeo o exitoso programa «Aquí?... como de 20!!!», iniciativa do Concello de Ribadeo con 43.000 euros de investimento anual, parroquia a parroquia, na que comezaron sendo 30 inscritos pero a demanda medrou tanto ata chegar aos 130 o ano pasado. Agora está aberta a inscrición nesta edición, que conta con novidades. Terá unha periodicidade de tres anos e á fronte estará unha empresa. Volve ademais a traballar cos maiores a técnica que xa compartiu durante seis anos momentos especiais con eles, Susi Álvarez (Vilaselán-Ribadeo, 1978). «Hai anos, tomando un café, falamos de crear unha empresa de animación, Magüeta (como me chamaba meu avó Nicasio) Animación. Eu xa tivera unha ludoteca chamada Buxaina, con actividades polas parroquias pero con nenos. Presentei un proxecto para intentalas facer actividades de lecer para que a xente maior estivera entretida, pensando en maiores de 65 anos. Vimos que se anotaban tamén de 50 ou che dicían «se puidera levar o neto, que ten que facer as tarefas»... Así facían os exercizos de estimulación cognitiva e despois xogabamos partidas, non só as habituais como o tute ou a brisca senón tamén outros xogos, o uno, cunha baralla que case me dan con ela o día que llela ensinei. E seguen quedando para xogar aínda que eu non vaia. Son xogos de mesa aos que lles damos unha volta e vou adaptando as actividades segundo a idade, as capacidades residuais e a nivel físico.

—Comentou que á vez teñen detectado problemas da vellez.

—Cando falas ou botas as cartas tense detectado algún caso de principio de Alzheimer concretamente, ves algo que non funciona e que a persoa non está igual, tamén pode ser unha depresión... É adiantarse para poder atallalo; eu non que non son profesional dese sector pero si que se vexo algo raro o comunico ao Concello e mira de falar coa familia. Se é unha falsa alarma, mellor. Tamén lles dou mecanismos, sobre como funcionan os servizos sociais, agora estamos co cambio de número de casa nas parroquias...

—Ao final, fai de todo.

—Son como un enlace, porque tamén hai xente que vive soíña(...) Tamén lles informo das actividades culturais e de todas aquelas nas que poden participar.

—Confesou ser feliz de volver a estar neste programa. Por qué?

—Estaba no paro pero agardando como auga de maio, poñendo velas a santa Rita. Porque son moitos anos que levamos xuntos, xa coñezo a idiosincrasia de cada un... Son os meus abueliños! É xente que aprecio moitísimo e me encanta. Sempre estiven entre xente maior e meu abuelo é para min un superheroe. Esa sensación que tiña con el de cando me contaba contos e me falaba dos seus tempo e como se vivía a vida... Esas cousas emociónanme moito! Para min é marabilloso saber todo iso(...) A veces facemos actividades de lembranzas e traen unha foto e falan sobre ela.

—Eles son como un libro aberto.

—Claro! Cóntanche ata receitas de cociña, historias, anécdotas, retrousos da zona, palabras... Gorismar eu nunca a escoitara. Quere dicir que algo está boísimo.

—Recibe máis do que dá.

—Eu recibo moreas, un montón de sabedoría e coñezo xente marabillosa. Tivemos unha persoa que traballou con Sofía Loren cando estaba facendo a mili, foi un dos romanos que apareceu na película e foi a Garda Civil á súa casa levarlle o seu soldo. Coñeceu a Sofía Loren, é verdade! Ou saber dos bailes que había, os cines Garibaldo e o de Santiago... Tamén temos un «barriga verde», un titiriteiro que facía espectáculo circense, vive en Cinxe e é Juanito. É dos únicos que quedan que fala cunha palleta de metal metida na garganta. Son persoas únicas, exclusivas e que non se van a volver a repetir.

—Volve a ser éxito o programa.

—Si, nalgunhas parroquias xa temos xente para Tardes de Lecer e Movemento Activo. Pasámolo moi ben, estamos en contacto e facemos actividades interxeneracionais fermosas cos nenos (con Verónica) e cos rapaces, imos de excursión, facemos cuchipandas, cursos de telefonía móbil e ordenador coa aula CeMIT (con Jorge) e temos páxina de Facebook e a canle de YouTube, que empezou como algo tímido...

—Vese que están moi ao día.

—Estamos na cresta da ola total! Tamén hai un grupo interparroquial de WhatsApp e xente que está soa comunícase así co resto.

—E... xurdiu algún amorío?

—(Ri) Que eu saiba non.