«Temos que sacarlle máis partido ás Catedrais»

a.q.

RIBADEO

PEPA LOSADA

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, fala sobre o presente e os retos de futuro do Concello

06 dic 2019 . Actualizado a las 13:58 h.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, fala nesta entrevista da situación de Ribadeo e da súa dependencia do sector terciario, da hostalería, servizos, comercio, explicando as estratexias do Concello.

-Alcoa, Hermida... hai preocupación pola situación económica. Como ve o presente e o futuro de Ribadeo?

-Evidentemente, estamos interconectados, ligados ó resto do mundo, e especialmente ó que nos queda máis preto. Ribadeo é comercio, pero se non hai recursos que proveñan do sector primario e o secundario, dificilmente o terciario, como o noso, pode navegar con tranquilidade. Neste aspecto, os concellos son a parte da administración que menos pode dicir, porque non temos capacidade de regular, de facer leis que melloren a situación do sector primario e secundario. Iso correspóndelle á Xunta e ó Estado. Eu agardo que os gobernos podan lexislar para facer unha transición axeitada, sen xerar medos nin máis problemas dos que xa temos agora.

-Preocúpalle a dependencia económica do sector servizos?

-É certo que Ribadeo non ten unha grande empresa, pero aquí temos moitísimo comercio e moi diverso, e iso ten pros e contras, pero si que me preocupa esa dependencia. Debemos avanzar no sector secundario, de aí que teñamos que facer ver dunha vez por todas ó goberno do Estado, que é o titular e o encargado da xestión do polígono industrial a través de Sepes, que lle ten que dar unha volta para facelo máis atractivo. O problema é que levamos case dous anos sen goberno estable no Estado e non hai un interlocutor válido para falar de ti a ti e facerlle ver que fai falta darlle un pulo ó polígono. Nós, dende o Concello e dentro das nosas posibilidades, estamos inventando continuamente actividades para axudar ó comercio local, non en temporada alta, que xa hai xente de por si, senón todo o ano para facer Ribadeo atractivo. Traballamos en estreita colaboración con Acisa para conseguir que veña xente a Ribadeo, pero temos que conseguir tamén o seguinte paso, que é que compre, que gaste, que invista en Ribadeo. Temos mais cousas na gabeta que seguramente o vindeiro ano iremos sacando adiante.

-E non se debería buscar algo similar ó Indiano para facer noutra época do ano?

-O Indiano é único, por como é Ribadeo, pola súa historia, urbanismo, e non é tan doado buscar algo alternativo para facer noutra época do ano. É ás veces non é que sexa bo. Se algo é bo e mallas nel, se o fas tres veces, ó final pode acabar perdendo a súa potencia.

-E que proxectos ten en mente para este mandato?

-Varios. Como temos experiencia de uns anos atrás, ás veces é necesario ter doce ou quince proxectos na gabeta para logo acabar materializando catro ou cinco. Pero neste inicio de mandato estamos traballando moito, da mans dos técnicos, e temos varios proxectos para dinamizar Ribadeo no seu conxunto. E tamén temos esta teima lexítima por conseguir aproveitar o fluxo das Catedrais que chega especialmente no verán. Espero que dentro de pouco se aprobe o plan espacial das Catedrais e podamos poñer enriba da mesa, con diferentes administracións, actuacións para conseguir que esa xente non chegue á praia e se vaia, senón que veña a Ribadeo. Estamos con ideas que son positivas e poden saír adiante perfectamente para logralo. Temos unha virtude que pouca xente ten no seus concellos, un polo de atracción ó que veñen centos de miles de persoas ó ano, e temos que sacarlle mais partido a iso, conservando o medio, non degradando, sendo moi cautelosos no que se pode facer alí. Pero temos que lograr atraer a moita desa xente para que unha vez que vexan ás Catedrais non se vaian. Temos que conseguir que veñan aquí. E estamos traballando nelo.

Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo FOTO pepa losada