As labregas e gandeiras de Galicia e Asturias protagonistas nunhas xornadas hoxe en Lourenzá e mañá en Ribadeo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

XAIME F. RAMALLAL

16 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego e a Confederación de Mulleres do Mundo Rural (Ceres) organizan en Lourenzá e Ribadeo unhas xornadas sobre o papel da muller no rural, nas que se tratarán cuestións como os dereitos das labregas ou a titularidade compartida e exporanse proxectos impulsados por mulleres.

 A primeira cita é hoxe en Lourenzá, no Pazo de Tovar a partir das 10.30 horas, cun programa que incluirá unha charla da avogada Isabel Crende sobre o recoñecemento das mulleres no plano xurídico. A continuación, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, e unha das súas predecesoras nesta responsabilidade, Lidia Senra, falarán coas asistentes sobre a titularidade compartida e os dereitos profesionais das labregas.

Mañá xoves as xornadas celebraranse en Ribadeo, no antivo lavadoiro, tamén a partir das 10.30, onde haberá un intercambio de experiencias entre profesionais labregas de Galicia e Asturias. Ó longo do dái exporanse proxectos liderados por mulleres como a Asociación CultivArte, a granxa avícola ecolóxica Pita Sana ou a Rede Feminista de Mulleres Rurais do Occidente de Asturies. Pola banda galega, comentarán a súa actividade Sen Sucre, unha pequena empresa de comida vegana impulsada por Inés López en Xermade; Argaia Cosmética Natural, obradoiro de cosméticos ecolóxicos feitos a partir de plantas medicinais en Alfoz, do que nos falará Pamela Pardiñas; ou a Gandería Lodeiro, de Trabada, da que dará conta Clara Basanta.

A asistencia ás xornada, tanto en Lourenzá como en Ribadeo, é libre e sen necesidade de inscripción previa.