Daniel Cortezón, 10 anos de ausencia

Manuel López OPINIÓN

RIBADEO

03 oct 2019 . Actualizado a las 22:01 h.

Tal día coma hoxe, fai dez anos -4 de outubro de 2009- un refacho dese vento anunciador da eternidade que cada outono se achega a Ribadeo reclamar ás árbores do Cantón a súa colleita de follas amarelas, levou canda si, camiño das estrelas, o derradeiro alento de Daniel Cortezón Álvarez.

Pechábase así o ciclo vital de quen viñera ao mundo nesa esquina nordeste de Galicia oitenta e dous anos antes para, logo de se facer de forma autodidacta cunha vasta bagaxe intelectual, contribuír de xeito senlleiro a poñer en letra grosa o nome de Ribadeo no mapa universal das letras, empregando indistintamente as linguas galega ou castelá segundo el estimaba oportuno. Circunstancia, por certo, non sempre xustamente valorada por algúns que non foron quen de apreciar esa enriquecedora diversidade.

Tal día coma hoxe, fai dez anos, quedaban orfos de pai O cabaleiro da centilente espada, Xelmírez, Os Irmandiños... Quedaba orfa unha ampla obra -á que Isaac A. Estraviz define como «a paixão pola dignidade histórica galega»- na que, aínda que figuran de forma maioritaria as pezas para o teatro, están presentes tamén outros xéneros como a narrativa ou o ensaio.

E tal día coma hoxe -4 de outubro de 2019- dende esa paixón por Galicia que Cortezón destilou en infindas formas de saudade, dende a nosa propia saudade pola súa ausencia, permitímonos o atrevemento de que este humilde texto sirva para lembrar a súa persoa e a súa obra nesta senlleira data.

Quixerámolo pechar cuns versos de adeus que Luz Pozo Garza lle adica encadrados no poema titulado Danza de morte e preciosa contradanza para Daniel. Din así: «Meu Deus! Escoita o pranto noso e mira / o vértigo letal desta mudanza... / E contempla a Daniel. Mira a súa xira / Xira de luz e de verdade a ultranza / de música ferida de gloriosa esperanza / de amor e libertade de porfía...»