Caxoto Contacontos: «Considérome un neno grande»

Ofrece dous espectáculos de Ler Conta Moito para nenos en Ribadeo e Burela


cervo / la voz

Venres 20. Caxoto estará coa súa función na Biblioteca de Ribadeo, dentro de Apego e Ler Conta Moito. Ás 11.30 para os centros de ensino.

Sábado 21. Tamén dentro de Ler Conta Moito, a cita burelense será na Casa da Cultura a partir das 19.00.

Grazas ao programa da Xunta de Galicia Ler Conta Moito, o cervense Caxoto Contacontos ten nestes días dúas moi boas razóns para volver á súa comarca, A Mariña. Este venres está en Ribadeo e o sábado en Burela. A función será a mesma, Contos para escoitar mentres bailamos un valse.

-Se non fora que é unha programación da Xunta, podería pensar que fixo cadrar as funcións de Ribadeo e Burela en días seguidos para poder vir comer á casa.

-Que va! Cadroume fatal porque teño función o venres en Ribadeo, co cal podería quedarme na casa (Viladesuso) pero teño que ir a Noia pola tarde e volver á Mariña. A vida de artista...

-Cando fixo máis quilómetros?

-Un día saín da Coruña, onde resido, fun a Pontevedra, logo a Ourense e volvín para cerca da Coruña. Ese día non toquei Lugo.

-Vaille ben como contacontos. Ten dous irmáns, un arquitecto e un enxeñeiro...

-No plan inicial era que houbera un arquitecto, un enxeñeiro e un albanel, que ía ser eu. Era a broma que se facía na casa, como non apuntaba maneiras nos estudos. Logo estudei Maxisterio, Educación Primaria. A idea era o ensino pero cruzáronseme os contos e decidín que era o camiño que eu quería facer.

-Imaxino un profesor/contacontos de mates, ciencias...

-Faría unha lareira na aula e contaría todo dende unha perspectiva de narración oral? Polo menos, os nenos íano pasar ben.

-Semella un neno «con barba».

-Si, eu considéronme un neno grande. De feito contar contos é unha maneira de xogar. Xogas cos nenos de ti a ti, compartindo o xoguete que neste caso é o conto. Eles participan nel, poden meter personaxes, situacións... Considérome que aínda son bastante neno porque me gusta xogar.

-Hai pouco un artista que fai funcións para nenos díxome que prefería que os pais e nais non estiveran entre o público. No seu caso, como o ve?

-A min gústame que estean, se non están de parola falando de que fixeron ese día ou van facer ao seguinte ou cos móbiles, porque ao final interésame que vexan como os nenos se integran e nos meus contos sempre hai algo de educación en valores, falo con eles, pregúntolles e gústame ver que contestan. A veces damos por feito que os nenos e nenas de agora están ben educados en valores e a veces descobres que non tanto, que están perpetuando cousas que xa non son deste tempo e sorpréndeste. Por exemplo, en temas de igualdade hai nenas e nenos que seguen pensando que hai traballos de homes e de mulleres, algo que se supón que está moi superado. De feito, eu empecei contando para adultos.

-Un conto non é só entretemento.

-Un conto pode ser un entretemento nada máis pero ao final polo medio se plantexan situacións e personaxes cos que se pode abordar a inxustiza, a empatía, a desigualdade... Non hai que metelo con calzador pero si que é un bo momento para meter ese contido. Ou son perfectos para traballar o medo, o susto, a tristura... É unha ocasión para disfrutar das emocionalidades. Por exemplo, é un escenario perfecto para traballar a morte pois os nenos saben que é ficción, un xogo. Hoxe, ademais, penso que os nenos son máis conscientes da diferenza do que é a realidade e o que é a ficción.

 

«Agora estou traballando sobre todo para público adulto e preparando un conto erótico»

-En que novo ou novos espectáculos anda agora preparando ou «cocendo»?

-Pois agora estou traballando, sobre todo, para público adulto. Agora estou preparando un conto erótico. Escoitei a outros narradores en distintos puntos de España e pareceume moi interesante ese formato, porque é algo moi suxerinte. Non é pornográfico, quero aclarar. É erótico, para xogar dende a sensualidade, o suxerinte, o que se amosa e non...

-E os pais e nais, a quen lles deixan logo os nenos?

-(Ri) Aos avós... ou na casa coa comida feita.

Felipe Díaz traballa co nome de Caxoto Contacontos e coa compañía A Trastenda dos Contos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Caxoto Contacontos: «Considérome un neno grande»