A Xunta inviste cada ano 900.000 euros na depuradora de Ribadeo

s. c. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

Destaca que leva gastados 5 millóns de euros na depuración das augas desde o 2012

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a Consellería de Infraestruturas explicaban onte -en resposta ao alcalde ribadense, Fernando Suárez- que «a Xunta leva gastados cinco millóns de euros na depuración de augas residuais en Ribadeo desde o 2012. Desde ese ano, a suma do que recadou en canon da auga e coeficiente de vertido é de 2,4 millóns de euros. Cada ano a Xunta inviste máis de 900.000 euros na depuración de Ribadeo e recada arredor de 370.000 euros».

Apuntan ademais, para matizar ao respecto da información do alcalde, que «como xa sinalamos noutras ocasións, o saneamento, a depuración e o abastecemento de auga son competencias municipais (art. 25 c da lei reguladora das bases do réxime local). Augas de Galicia ten o mandato de colaboración coas entidades locais e exérceo».

«No caso de Ribadeo -explican- esa colaboración está materializada, fundamentalmente, a través da construción da depuradora. O contrato foi adxudicado por 18 millóns de euros. O alcalde de Ribadeo considera que esta achega da Xunta non conta porque se adxudicou durante o Goberno bipartito. A Xunta non comparte esa visión partidista. Falamos de Administracións, das obrigas e dos compromisos de cada unha, non de partidos políticos. E a Administración autonómica asumiu un investimento de 18 millóns de euros para apoiar ao Concello de Ribadeo no exercicio das súas competencias de saneamento e depuración de augas residuais. Ese gasto segue a pagarse na actualidade, e, polo tanto, asúmeo tamén este Goberno, como non pode ser doutro xeito. Ata o momento, a Xunta pagou xa cinco millóns de euros dese contrato. Pero aínda, a cada ano, a Xunta gasta case un millón de euros en pagar o seu funcionamento», afirman.

«No caso de Ribadeo -din-, a colaboración vai máis alá do habitual, posto que non só a Xunta asume o custo da construción da depuradora, senón que asume o custo económico e técnico de explotar esa depuradora aínda a día de hoxe».

«O alcalde de Ribadeo, que se queixa dunha presunta desigualdade de trato por parte da Xunta, debe ter en conta que o seu concello é un dos 28 de toda Galicia que se benefician da excepcional situación que supón que a Xunta asuma no seu lugar o funcionamento da depuradora. E iso quere dicir que o Concello de Ribadeo pode estar tranquilo sabendo que a súa depuradora funciona correctamente, porque diso se encarga de controlalo o persoal especializado de Augas de Galicia. A desigualdade de trato, de habela, é a favor do Concello de Ribadeo», afirma a Xunta.

En definitiva a Xunta conclúe, para aclarar, que o que inviste en Ribadeo «é moito máis do que recada co canon da auga e co coeficiente de vertedura (non chega a 375.000 euros entre os dous)».

«No caso de Ribadeo a axuda vai máis alá: non só asumimos o custo da construción, tamén o técnico»

«A desigualdade de trato, de habela, é a favor de Ribadeo, en comparación con outros concellos de Galicia»