Mónica Justo, ilustradora ribadense: «Quero aportar algo novo ao público»

A.V., Y.G. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Abre este venres unha exposición no parque de San Francisco, ata o 23, con obras súas

12 sep 2019 . Actualizado a las 20:56 h.

A mostra de Mónica Justo permanecerá aberta na antiga Oficina de Turismo, de 19.00 a 21.00 horas de luns a venres, de 12.30 a 14.00 e de 19.30 a 21.30 os sábados e de 12.30 a 14.00 os domingos.

-Ao entrar na súa web atopamos unha frase que debe ser moi importante para vostede. Fala de que a arte é a súa forma de interpretar as aprendizaxes que lle transmite o mundo.

-Gústame ver o entorno, e despois inténtoo transformar. Son cousas que teño aí, dentro, maneiras de ver a vida. A xente dime que é moi emotivo ou sentimental, pero eu fágoo porque me sae así. É a miña visión, por exemplo, dun paseo pola praia e gústanme cousas… Inspíranme, calquera cousa pode ser inspirado. Para min é importante ter retos. Se ti tes marcados uns proxectos, aínda que sexa algo persoal é importante. É importante seguir unha guía de proxectos aínda que a inspiración sexan outras cousas. Poñer metas é clave. É mellor poñerte co papel diante e aí saen as cousas. Unha cousa leva a outra...

-Arte moi relacionada con Ribadeo, os edificios ou os Cocos e Cabezudos. A vila é un dos seus puntos de inspiración?

-Ribadeo é o meu entorno, nacín aquí. A paisaxe forma parte de min. Estou acostumada a ese entorno, ás rúas, á paisaxe… Lévoo dentro e polo tanto inspírame. As paisaxes que miro son as que teño diante, polo tanto, como a realidade pois saco outra volta disto.

-Retrata tamén a realidade social, como na ilustración das mariscadoras ou o das formigas que venden a casa...

-Todo forma parte da vida e, aínda que o público sexa infantil, pois a realidade existe. Gústame facelo, pero é algo que me sae o de dar un toque de atención sobre as cousas. O que quero dicir... pois dígoo. Cunha ilustración podes ver as cousas doutra maneira. Os cativos non son tontos, deben saber as cousas, é importante crecer sabendo que as cousas están aí... Non se pode vivir nunha burbulla.

-Cal é a realidade social das artistas?

-Depende moito. Supoño que moi ben viven catro. Podes vivir, sen grandes alardes, pero non quere dicir que se es artista es pobre. Ao final o teu obxectivo é aportar algo a outra xente. Penso que no ámbito da ilustración estamos nun bo momento, estamos moi presentes porque se pode aplicar a moitísimos ámbitos, dende publicidade ata contos infantís. A estética chama a atención, e iso gusta á xente. Mesmo en redes sociais, calquera texto sen imaxe non tira o mesmo.

-Busca educar dende a arte?

-Coa ilustración podes transmitir calquera cousa. Non pretendo educar a ninguén, pero intento dar tamén unha aportación non so como divertimento. Hai un fondo que se debe transmitir tamén. Non pode ser todo forma estética, temos un fondo e como ilustradora transmites unha idea, que sexa atractiva e tal, pero o importante é a idea.

-Como é esta exposición que abre agora en Ribadeo?

-É a primeira que fago. Chegou un punto no que xuntei xa moitos traballos e penso que pode funcionar. Pois nela reúno ilustracións de todo tipo dende cousas feitas por encargo ou feitas por min. Busco chegar, aportar algo máis ao público. Tamén dar a miña visión e aportar algo novo ao público, un aprendizaxe.