Fernando Suárez: «Dos 16 anos de goberno, este é para min dos máis ilusionantes»

«Estamos vendo o froito de moitos anos de traballo, porque o curtopracismo non leva a nada»


ribadeo / la voz

Con 12 anos de alcalde ás costas, e catro máis con responsabilidade de goberno (antes co bipartito PSOE-BNG), Fernando Suárez afronta un novo mandato á fronte do Concello de Ribadeo. Pero este non é un ano máis para el, senón dos máis ilusionantes, polo soño cumprido, a aspiración colmada, da residencia, e por todo o que se albisca no horizonte, o froito -di- do traballo feito á sombra.

-Dende logo, este é dos anos máis importantes. O primeiro de alcalde sempre ten algo especial, polo que supón de desafío, pero é agora, este ano especialmente, cando estou vendo o froito do traballo continuado. E iso é unha motivación especial para meterse en política, porque o curtopracismo dá para catro titulares e debates que leva o vento, mentres que as xestións e os proxectos de calado, con estratexia, os que xorden froito do consenso, son os que realmente valen. Aínda que tamén acostuman a ser máis complexos, porque é preciso ter unha certa capacidade política para levalos adiante. E aí entra o papel da oposición. Porque sempre se fala de facer unha oposición construtiva e leal, cando a evidencia resulta que é xeralmente ao revés, que a oposición é desleal e destrutiva, e poño por exemplo a Ribadeo e á residencia. Unha residencia que, pese a todo, hoxe é unha realidade, con 40 usuarios xa. E a satisfacción maior é, por exemplo, cando esta mesma semana me atopo co fillo dunha usuaria e me di que está funcionando moi ben, que súa nai está no mellor sitio posible, e que non faga caso de quen intenta barullar e polemizar. Ese sentimento sincero vale moito, porque é o reflexo de que o traballo que facemos está valendo para alegrarlle e facilitarlle a vida á xente.

-O acordo para permutar a Torre dos Moreno, a licitación de medio millón de euros en estradas, a mellora do campo de fútbol... Falamos dun momento especialmente doce para Ribadeo?

-Si, porque temos moita menos débeda, ao pasar dos cinco millóns de hai uns anos a 800.000 euros. E facendo cousas, con políticas activas que a xente ve que dan resultado, como o impulso ás rehabilitacións do casco vello.

-Tamén fala de estratexia. E coméntolle varias actuacións: a nova vía de acceso a Ribadeo dende a autovía, o plan de ordenación das Catedrais, o Peprich e a renovación da traída de auga.

-Son cousas nas que vimos traballando a longo prazo, dende hai anos. Co acceso a Ribadeo estamos iniciando os contactos cos propietarios dos terreos para que anticipen o que deben de ceder cando se urbanice, para executalo canto antes. E se non conseguimos esa anticipación, iremos á expropiación. Do plan das Catedrais recibimos avanzado o verán o último informe que nos faltaba, de Costas, e espero que dentro de pouco sexa unha realidade para empezar a facer cousas xa coa axuda da Deputación, a Xunta e o Estado, porque todos foron consultados sobre o plan e con todos negociamos e pactamos. Con este plan, conseguiremos facer das Catedrais un referente internacional. O Peprich está a punto tamén. Recibimos hai uns días un informe de correccións da Xunta e estamos traballando para aprobalo canto antes. Da traída teño que dicir que me preocupa moito, porque estou cheo de advertir que calquera día Ribadeo queda sen auga. A alcaldesa de Trabada, Mayra García, e mais eu enviámoslle hai tres meses cartas ao presidente da Xunta, Núñez Feijoo, para que nos recibira para falar da urxencia de que a Xunta acometa unha nova traída. Non nos contestou. E onte mesmo enviámoslle novas cartas. A ver se temos máis sorte e a Xunta non elude a súa responsabilidade.

-E a ruta do tren mineiro...

-As posibilidades dunha vía verde dende Ribadeo á Pontenova son enormes. Non hai nada parecido no conxunto do Estado. Imos esperar a que haxa un Goberno estable e loitar por ela desde Ribadeo, Trabada, San Tirso e A Pontenova.

-Indo ás festas, o Concello apoiou, a canda Acisa, a solicitude para que estes días a hostalería abrira ata ás 8 da mañá, aínda que a Xunta non aceptou. Vaia cambio, nun alcalde que viña sendo moi estrito coa aplicación do horario!

-Cando hai problemas de ruídos debemos actuar para propiciar certa paz, pero cando non os hai pódense permitir excesos algún día, e non pasa nada.

-E que me di do traballo da comisión?

-Por min han de estar todo o tempo que queiran, porque son xente traballadora, honesta e abnegada. A verdade é que só podo falar ben deles.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Fernando Suárez: «Dos 16 anos de goberno, este é para min dos máis ilusionantes»