Cousa de todos en Ribadeo

Antonio Gregorio Montes

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

16 ago 2019 . Actualizado a las 18:46 h.

Residencia de maiores en Ribadeo: rematada e presentada á sociedade, tras pasar as eleccións fíxose un acto de acollida ós primeiros residentes. E comezou o postparto.

Coido que é unha imaxe adecuada: lograr un embarazo pode ser doado ou non, pode ser festivo, pero en calquera caso, necesita dun querer, dunha vontade previa, e non exime de coidados durante o período de embarazo. E, unha vez parida, hai que coidar da creatura, pois por si soa non pode vivir.

En Ribadeo houbo unha loita para conseguir o apoio dos poderes públicos, e logo un seguemento e apoio para levar a bo fin o proxecto. Mais chegou o día, a residencia está aberta e hai que coidar da creatura. Novo período.

O caso é que vivir non ten por que ser doado, e neste caso, dende o primeiro momento hai complicacións. Comezou a cousa mesmo antes do nacemento, cando se aludiu á imposibilidade de facerse cargo directamente dende as entidades públicas e abocouse a unha xestión por parte de entidades privadas. Houbo unha primeira licitación, recurrida, e rematou nunha empresa con cabezas varias, pasando tamén polo coidado dos vellos. Vellos parece que implica un uso e desgaste, algo así como unha cousa con utilidade xa reducida. E úsoa aquí non porque considere que os maiores son cousas, senón porque con tantas adicacións da empresa, ó final, non en Ribadeo pero si na central en Madrid, o que van ver vai ser tan só números: unha persoa, unha unidade de cálculo.

Na pequena festa de recepción dos primeiros ocupantes non escoitei nada sobre eivas das instalacións ou do persoal. Mais algo debía de haber: o cátering é de supoñer que xa estivera encargado o primeiro día debido a que non se dispoñía de gas nas instalacións. De igual xeito, a marcha voluntaria de dúas empregadas ós poucos días tardou en saír nos papeis, en facerse visible, e con ela, un trasfondo de precariedade no persoal. Pouco importa que se estiveran cumprindo as normas, se as normas non son adecuadas, e débense cambiar para adecualas a un mellor funcionamento.

Promesa para o futuro

Dende aquel momento de fotos ata o de agora van dous meses. Se alguén quixo información sobre o desenvolvemento da residencia tivo que procurala pola súa conta: canto se tardou en suplir a marcha das dúas traballadoras? Canto persoal queda -agora- pola noite ó cargo? ...

Oportunidades políticas aparte para pedir un pleno extraordinario, a sociedade necesita información e atención para crer que a residencia vai ben. E mentres non se dea entrada á súa participación, non terá un mínimo de seguridade cara ó futuro.

Cando dende a Plataforma Pro Residencia de Maiores decidimos alegar as normas de funcionamento previstas (e obtivemos unha promesa para o futuro que esperamos que se concrete) ou propor a constitución dunha asociación, a Asociación Social Pro Maiores José María Rodríguez, tíñamos en conta que o coidado dos nosos maiores non remata coa construción dun edificio, senón que é cousa de todos