Fernando Suárez: «Queremos manter a esencia do Ribadeo Indiano»

y. garcía RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

O rexedor local destaca que o Ribadeo «é unha festa do pobo, para o pobo, e prendeu fóra de Ribadeo»

12 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ribadeo Indiano foi medrando dende os seus inicios pero practicamente nun curto período de tempo colleu un pulo impresionante. A festa fai protagonista a unha localidade que amosa a pé de rúa o seu amor por esta cita, que tamén reflicte o alcalde.

-O nivel do Ribadeo Indiano é de destacar. Van seis edicións.

-Dende a primeira... Isto foi coma cando descubriu unha noite no laboratorio Pasteur a penicilina. Nós tiñamos todos os ingredientes, só que non estaban aínda mesturados. Fixémolo con cariño, dende Concello de Ribadeo e Acisa. Todos os anos é un éxito. Non somos ambiciosos, queremos que o Ribadeo Indiano siga sendo como é e podemos conseguilo con cariño e esforzo de Concello, Acisa e outra xente que nos bota unha man para seguir facendo unha festa así, con moitos ángulos: cultural, con concertos, baile, onde tomar algo e comer, asistir a charlas, exposicións... Así dirixímonos a todo o mundo. Unha festa local acabou sendo unha festa global e deixando á xente marabillada. É duro non permitir que se desmadre ou que evolucione a un macrobotellón. Queremos o que hai, que a xente o pase ben pero tamén que sexa cívica no Ribadeo Indiano.

-Que non «morra de éxito» como puido ocorrer con outras citas, que conserve a esencia.

-Si, queremos manter a esencia do Ribadeo Indiano. Sempre somos moi respectuosos e precavidos. O medre debe ser sostible.

-Ademáis de ser tan elegante.

-O orgullo que me produce ver a un señor maior co seu neto moi pequeno ao carón e que están os dous gozando da festa!

-Sen esquecer o recoñecemento do legado inmigrante á vez...

-A emigración foi un fenómeno desgarrador na busca dunha vida mellor. Nós queremos dar unha visión tamén positiva porque aínda que a maioría tivo que sobrevivir e non lles deu para facerse ricos, os que triunfaron fóra eran moi altruístas e filántropos. Queremos honrar a Pedro Murias, os Moreno... Por exemplo, sería faltar á historia que non defenderamos a actividade potente da Escola Pedro Muruais. Este ano está dedicado a Cuba.

-Que é o que máis lle gusta?

-Ver que todo o mundo está feliz. O ambiente é moi agradable, como no Festival de Habaneras. Este ano tamén temos a actuación de Compay Segundo, que están de xira. A negociación para traelos foi moi dura. Ao final, é unha festa do pobo, para o pobo e que prendeu fóra de Ribadeo.