Sobre a posta en funcionamento da residencia de maiores de Ribadeo


Unha volta anunciada a posta en marcha da residencia, que nos produce unha fonda alegría, na Plataforma Pro Residencia de Maiores de Ribadeo somos conscientes de que unha vez posta en funcionamento, quedan moitas cousas por facer. A posta en marcha é sinxelamente un paso máis que apoiamos - importante, pero un paso máis- encamiñado a que os nosos maiores teñan calidade de vida na súa vellez.

Pero non por iso podemos esquecer as reivindicacións en forma de alegacións que temos feito hai pouco máis de medio ano, ou sinxelamente que a concesión a unha empresa grande, Clece, que ten ramas de actividade dende centros hospitalarios a hoteis, ou dende a área sociosanitaria (145 residencias 'xestionadas') á financieira, pasando por centros de ocio entre outros sectores, necesita dun contrapeso social en Ribadeo.

Este venres ás 5 da tarde comeza a encherse cos oito primeiros ocupantes, ós que se irán incorporando as próximas semanas o resto de admitidos polo momento, e logo, ata a cabida das instalacións. Iso implica unha nova época no que vai variar o sentido que tiña ata o de agora a Plataforma Pro Residencia. Pos iso, hai cousa de mes e medio, todos os grupos que se presentaban ás municipais en Ribadeo, recibiron da parte da plataforma unha mensaxe:

"Dende a Plataforma Pro Residencia de Maiores de Ribadeo levamos tempo pensando en seguir aportando o noso gran de area no futuro da residencia. Por iso, e detectando que xa de xeito case inmediato sería desexable facer cambios -que foron aprazados polo momento- e que un punto débil xeralizado en todas as residencias é o seguemento público do coidado dos nosos maiores, como un primeiro paso, decidimos constituír unha asociación. Asociación que poda axudar e ó tempo, conectar sociedade e funcionamento da residencia. Non temos présa, pero tampouco queremos esperar, polo que adxuntamos un borrador de estatutos co que comezar a recibir ideas e manter a residencia como suxeito de reflexión e de acción de todos. Incluídos os partidos políticos que actúan ou teñen pensado actuar no eido municipal, a quenes vai dirixida de xeito específico esta carta.

Naturalmente, no documento que enviamos, todo é revisable, dende o nome, que esperamos se quede curto por ser adicado no seu momento a algo con máis entidade que a asociación, ós fins, que poden cambiar mesmo en función da etapa pola que pase a residencia, polo que estimamos deberan contemplar unha gama ampla de opcións.

Como Plataforma, só lembrar a loita que levou á constitución dunha comisión municipal e logo á construción da residencia, que representa un capital social que non queremos desperdiciar, senón compartir e coidar en ben de todos. E aquí estamos, a seguir escoitando e participando na medida do desexable."

Ata o momento, en ningún caso se recibiu máis resposta que algún agradecemento. Non obstante, cremos que este momento é, precisamente, o que marca o punto de saída para que a sociedade enteira, todo Ribadeo, acolla como súa a misión de que a residencia teña o mellor funcionamento posible. Así o esperamos e faremos o que estea nas nosas mans para que así sexa. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Sobre a posta en funcionamento da residencia de maiores de Ribadeo