Viveiro e Ribadeo súmanse o sábado á campaña, «Quere o teu mercado»

La Voz RIBADEO / VIVEIRO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

Haberá música e degustacións nas prazas de abastos

24 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Viveiro e Ribadeo sumaranse este sábado 25 á campaña «Quere o teu mercado», de apoio aos mercados das vilas para potenciar a compra de produtos locais e mostrar a profesionalidade dos praceiros. En ambas as dúas citas colaboran os Concellos. Na de Viveiro haberá unha demostración de cocteleiría a cargo de Domingo González, de Temple Cocktail Bar, e de Marcelo Bartender, do Tiki Bora Bora. Tamén se desenvolverá un showcooking con Víctor Valenzuela, do restaurante O Muro, e Alejandro Balseiro, do hotel Urban.

Amenizará a xornada un DJ, e para o público infantil desenvolveranse actividades relacionadas coa pirámide alimentaria, a pesca e a elaboración dunha mazá de globoflexia. Colabora, entre outros grupos, a asociación folk de baile Bágoas da Terra.

Mercado da horta ribadense

Mentres tanto, en Ribadeo, ás 12.30 horas haberá un concerto de Mardi nunha actividade denominada «Música & Mercado». A partir das 11.30 horas, sen que sexa precisa inscrición previa, os máis novos poderán participar un obradoiro de locutores para pícaros a partir de 7 anos. A maiores, desde as 10.30 horas haberá un mini mercado de produtos locais con cervexa, marmeladas e queixos.

Finalmente indicar que haberá o mercado da horta, como cada sábado, e terá lugar o sorteo dun cheque por valor de 100 euros da asociación de praceiros do mercado ribadense.