«Non estaría disposto a vivir separado da miña familia pola actividade política»

Miguel Sande Corral
M. sande RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSE ALONSO

Entrevista ao candidato do BNG á alcaldía de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alcalde de Ribadeo desde o 2007, Fernando Suárez volve encabezar a lista do BNG de Ribadeo para optar a un cuarto mandato.

-Onde vive? Casa propia ou alugada?

-Vivimos en casa propia. Con hipoteca. Aínda lle quedan 13 anos.

-Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe?

-Non menos de seis e non máis de sete. Adoito deitarme á medianoite e aproveito para ler cousas non relacionadas co traballo. Case nunca lembro o que soño.

-Ve a televisión? Series, cine, informativos, documentais...? Ten plataformas de pago?

-Da televisión vexo os noticiarios e documentais, especialmente os relacionados coa historia. Tiven plataforma de pago, pero agora xa non.

-Que libro volvería a ler?

-Pois un libro que me marcou moito cando era un adolescente. Arredor de si, de Otero Pedrayo, membro da Xeración Nós e dos vellos galeguistas que axudaron a conformar a conciencia de país. Un país orgulloso de si mesmo e aberto ao mundo!

-Cando foi por última vez ao cine? Lembra a película?

 -Agora que os pícaros foron medrando e xa son uns adolescentes, podemos a miña muller e máis eu, voltar ao cine. A última foi no Cine de Ribadeo. Greenbook, sobre a loita contra os prexuízos raciais na América profunda dos anos sesenta. Seguramente hoxe poden seguir vivas este tipo de absurdas estigmatizacións en moitos aspectos no mundo: por razóns de lingua, de xénero, etc.  

-Se lle desen a elixir, con quen tomaría algo agora mesmo?

-Pois ocórreseme que me gustaría chamar a Quintana, Pontón, Beiras e Villares, convidalos a unha ronda e dicirlles: Até cando pensades que este país vai aguantar sen que nos poñamos de acordo con tanto que temos en común? Por suposto que á ronda pagaríaa eu (RISAS).

-Café, caña, refresco, viño...?

-Calquera dos catro, aínda que é mais frecuente en min o primeiro.

-A cal dos outros candidatos convidaría?

-Pois a calquera dos catro. Evidentemente con algún ou algunha tería mais que falar que con outros.

-Cando foi por última vez a cear con amigos?

-Non hai moito xuntámonos uns amigos que estudamos xuntos e que conseguimos arraigar o de vérmonos de cando en vez para cear e tomar unha (ou dúas). Máis non, que logo sentan mal (RISAS).

-Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

-Teño moitos momentos aos que voltaría. Pero penso que a vida é un contínuum e que sempre hai que mirar cara adiante, sen esquecer quen somos e de onde vimos. Aprender da experiencia e proxectalo cara ao futuro.

-Ten coche? Cal e desde cando?

-Na casa temos dous. A miña muller e mais eu utilizámolos indistintamente. Temos un Peugeot 5008 mercado no 2010. Recentemente cambiamos o meu querido Opel Astra do ano 2000 porque xa non deu mais de si. No seu lugar mercamos outro Opel, neste caso un Insignia, de segunda man e con 90.000 quilómetros, aínda que en moi bo estado. A ver se cumpre como o fixo o seu antecesor.

-Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

-Só dispoño da Seguridade Social. Sempre que tiven que acudir a ela respondeume moi ben. Outra cousa é a precarización que estes gobernos terribles do PP están a facer con ela, precarizándoa, colapsándoa e abrindo a porta a que a xente vaia dafeito á privada. Pero non llelo imos permitir. En canto ás tarxetas bancarias, pois unha de crédito e outra de débito.

-A que non estaría disposto a renunciar pola súa actividade política?

-Se falamos en termos afectivos non estaría disposto a vivir separado da miña familia. Se a pregunta é en termos de moralidade, diría que nunca prescindiría da honorabilidade.

-Cal é a súa festa preferida en Ribadeo?

-Pois ten unha resposta doada desde hai seis anos: O Ribadeo Indiano. Sempre poño o exemplo que foi como Alexander Flemming descubriu a penicilina: Por casualidade. Unha salvou moitas vidas e outra puxo a Ribadeo de modelo dunha festa transversal, para todas as idades, que comprende actividades históricas e lúdicas, é elegante, e aínda por riba, como imos de branco, a ninguén se lle ocorrería facer botellón.

-Que será o primeiro que fará o 27 de maio?

-Saír á rúa pola mañá, tomar un café e ler a prensa, e pase o que pase, falar coa xente pola rúa, como me gusta e sempre fixen.

«Con nós non vai haber sorpresas. Todo o mundo sabe como traballamos e gobernamos»

Tras responder ao test moi persoal, chega a clave política.

-Por que se presenta?

-Porque non me gusta deixar as cousas a medias e houbo moita xente que nolo pediu. Temos que completar o traballo feito nestes anos, que penso humildemente que foi moito, pero non nos conformamos. Queremos máis, queremos seguir transformando Ribadeo. Eu e o meu equipo, igual que todos os ribadenses, querémoslle ao noso pobo e queremos velo mellor cada día. Se eu podo contribuír a iso, aí estarei. 

-A que pode comprometerse cos veciños?

-A non cambiar. A seguir gobernando como o fixemos até agora, escoitando a todo o mundo e gobernando para todo o mundo, con humildade e con dedicación.  

-A súas tres principais prioridades para Ribadeo son?

-Neste mandato conseguimos a Residencia, que foi un logro de todo Ribadeo. Pero agora tenlle que tocar o turno ao Hospital-Asilo. Tamén temos un pavillón novo, estamos a investir no Pepe Barrera, pero agora queremos desenvolver as posibilidades do Plan Xeral e crear novos espazos públicos para deporte e lecer. En terceiro lugar, melloramos moito os accesos a Ribadeo, pero queremos seguir nese camiño. 

-De saír elixido, cal sería a súa primeira decisión?

-Reunirme coa Xunta para que deixe de seguir bloqueando a modernización da traída de auga que afecta a Ribadeo e a Trabada. Por moito que o alcalde de Ribadeo non sexa da corda do señor Feijóo, non ten dereito a castigar aos veciños e veciñas de Ribadeo.

-Se non houbera maiorías absolutas, plantéxase pactos?

-Calquera partido que queira axudar a que Ribadeo mellore, sumar, será benvido. Pero aspiro a volver ter a confianza maioritaria dos veciños e veciñas para poder contar cun Goberno forte e unido como o que Ribadeo tivo neste mandato. A Ribadeo foille ben. 

-Que lle pediría aos ribadenses o 26M?

-Que votaran libremente pensando no mellor para as súas familias, as súas parroquias ou a súa vila, que reflexionen se merece a pena poñer en risco a transformación que se produciu en Ribadeo. Con nós non vai haber sorpresas. Todo o mundo sabe como traballamos e como gobernamos.