Correlingua en Ribadeo con case dous mil alumnos da Mariña

Y. GARCÍA RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

A cita en defensa da lingua galega é este martes día 7 a partir das 11.00

06 may 2019 . Actualizado a las 14:38 h.

Ribadeo centra este martes na comarca da Mariña a cita do Correlingua 2019. Esta é a programación prevista, que tamén se pode consultar na web oficial www.correlingua.gal: a chegada está prevista ás 10.30 ao Cantón dos Moreno para dar comezo ás 11.00 e rematar sobre as 13.00, con festa final ás 12.00. O itinerario da carreira en defensa da lingua será por Illa Pancha, estrada do faro, Calvo Sotelo, rúas San Roque e Virxe do Camiño, avenida de Galicia, rúas Reinante e Vilafranca do Bierzo, ata Cantón dos Moreno.

No que respecta ao contido das actividades son: presentación a cargo de Isabel Risco, lectura do manifesto que leva por título "Temos química coa nosa lingua" facendo tamén unha homenaxe paralela aos 150 anos da presentación por parte do ruso Mendeleiev da táboa periódica, actuacións escolares, entrega de premios aos gañadores da carreira e concerto do grupo trunfador do Cantalingua.

Actividades para os máis pequenos

Alumnos de Infantil e primeiro de Primaria que non participan na carreira do Correlingua terán a súa parte da axenda para poder gozar igual desta xornada da festa do galego que se celebra en toda Galicia. En Ribadeo, a chegada dos escolares máis novos será ás 11.00 ao Cantón dos Moreno, onde está previsto un concerto de Paco Nogueiras e máis citas.

Dores Fernández Abel, coordenadora: "Permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso".

En total, agárdase que ao Correlingua ribadense se sumen arredor de 2.000 alumnos da comarca. Está organizado por CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística.