Un estímulo á participación no servizo público


De boa idea podemos cualificar a iniciativa do Concello de Ribadeo, e doutros da comarca, de conmemorar os 40 anos de concellos democráticos e de convocar aos que foron membros das sucesivas corporacións a unha sesión solemne e cordial no marco máis axeitado: o magno Salón de Sesións do Pazo Municipal.

Trátase de evocar e enaltecer os resultados dos comicios municipais celebrados cada catro anos durante 40, un longo período, despois doutra longuísima etapa de seca democrática e mesmo períodos de basto despotismo e sempre de falsificación da vontade popular, e cremos que por tal razón e como estímulo á participación no servizo público está plenamente xustificado este acto. Di Rosalía de Castro nun poema dedicado a un inglés que lle prestou servizos ao país: «terra fidalga é a nosa Terra, tanto / cal linda Deus a quixo dar, ben sabe / honra facer a quen merece honra». E este é o caso: honrar, respectar e distinguir. Haberá oportunidade de rememorar arelas, traballos, éxitos e frustracións e desde logo un longo memorial de tirapuxas na defensa das ideas e das xestións, porque igual que é fermosa esta terra tamén está inzada de ledas paisaxes, retortos ríos e serpeantes meandros engaiolantes, aos que cómpre cinxirse e iso inspira argumentos enxeñosos e mesmo rexoubares, ateigados de recursos tan nosos como a retranca ou o retrouso, aínda que como espectador privilexiado dese tempo coido que deixou na memoria de todos un sabor doce e agradable, e xa citamos noutra ocasión a frase de Jean Paul Richter «a memoria é o único paradiso do que non podemos ser expulsados» e engadimos nós que co paso dos anos e a saudade chega un momento no que se esvaecen os malos recordos e reverdecen os bos.

Lembranzas persoais

Os feitos e as vivencias das persoas que nunha etapa das súas vidas formaron parte da corporación de Ribadeo, incorporaranse á gabeta das lembranzas persoais e serán un tesouro, gardado nun cofre ou relicario preto do corazón, e os feitos pasarán á historia local para ser coñecidos e analizados polos estudosos, tal e como facemos hoxe ao debruzarnos sobre o pasado. Canto máis recuamos máis nos asombramos dos cambios, en grande medida espectaculares, aínda que existen formalidades unhas veces e atavismos outras, que se prestan á reflexión.

A comezos de 1724 ao tomar posesión do seu cargo o alcalde xurou defender a pureza de María Santísima, unha fórmula que tamén empregaban algúns funcionarios. En materia de xuramentos, promesas e delirios defensivos, hoxe emprégase o verbo gardar seguido da perífrase «facer gardar» referida a un texto civil, aínda que igualmente no eido quimérico. Cousa diferente eran os consellos que a corporación saínte deixaba á entrante. Xa hai anos que relatamos o caso da cesante en 1775, que deixou por escrito aos seus sucesores que cumprindo ben coas súas obrigas «se harán beneméritos a que se les declare buenos ministros de justicia y se les coloque en las mayores dignidades del mundo y por consiguiente en el cielo», unha pérola cultivada en materia de prosa municipal, adoito aldraxada de mesta, pero moi pulida neste caso.

Sirvan estas sucintas liñas como unha doa máis nunha serie de historias do pasado, sequera para que asome un sorriso a xeito de agasallo.

Intervención do cronista oficial de Ribadeo no acto de onte no consistorio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Un estímulo á participación no servizo público