Sés: «Creo que o concerto lle gusta á xente, emociona. Pódese definir nunha palabra: intensidade»

«Rabia ao Silencio» é o seu novo disco, que presentará este sábado en Ribadeo


RIBADEO / LA VOZ

Sábado 4 • 21 horas • Auditorio • Apertura da billeteira: 20 horas (prezo, 16 euros) • Entradas anticipadas en ticketea.com • Sés, con vínculos familiares na Mariña, chega á comarca con produto fresco, para alegría dos seus seguidores. Rabia ao Silencio dá nome ao seu novo disco que está a presentar por Galicia adiante. Son cancións adaptadas ao galego «que foron, no seu momento, semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX», explican. Chegáronnos antes da voz de Carlos Puebla, Mercedes Sosa, Zeca Afonso ou Fuxan os Ventos. Agora, con Sés.

-Di que este disco é unha especie de homenaxe a quen lle ensinou a pensar musicando e tamén a quen lle legou valores...

-Á xente que me legou grandes valores no plano vital, á que me legou principios éticos como a solidaridade, a humildade... O valor da bondade, que parece unha palabra esquecida, e que tamén me ensinaron a aprender a pensar por min mesma, a aprender a tirar conclusións propias, o que é o libre pensamento e o amor pola cultura e polo benestar social, por esa noción de horizontalidade tan necesaria en todos os planos.

-Foi un proceso longo ata sacar o disco?

-Bastante intensivo. Teño que dicir que inicialmente non ía ser un disco, senón só un espectáculo [...]. O disco inclúe un libreto cunha contextualización de cada tema, porque neste espectáculo eu son a secundaria, con temas doutras persoas, que xurdiron nun contexto determinado. O traballo máis duro foi a adaptación. Ao principio fixemos moitos temas, como trinta e pico, e deses quedaron doce. Cobren unha serie de estilos diferentes, hai cancións desde os anos 30 ata os 80.

-E como está sendo a acollida do público?

-Creo que o concerto lle gusta á xente, emociona. Eu interpreto, porque os temas non son da miña autoría, e o concerto pódese definir nunha palabra: intensidade. Transmite verdade e crueza. Penso que é algo tan humano que o auditorio o recibe súper ben.

-E compaxina este con outro disco que está gravando...

-Terá sonoridades diferentes, moi variadas, contando cousas. E, coma no resto, sempre hai algún tema que entrará a última hora. Traballo pensando en como me gusta a min. E a min gústame ver dinámica nun disco.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Sés: «Creo que o concerto lle gusta á xente, emociona. Pódese definir nunha palabra: intensidade»