Fernando Suárez: «Sigo porque fixemos moito, pero queda moito por facer»

«Ata o máis cego pode ver o cambio que pegou Ribadeo nestes anos. Pero hai que seguir mellorando»


/ la voz

Resolveuse a dúbida, se é que a houbo algunha vez: Fernando Suárez repite como candidato á alcaldía de Ribadeo polo BNG. Tardou en dicilo? El pensa que non: «Non hai intriga, nin esfollar a margarida. Xa se sabe que un é escravo das súas verbas e dono dos seus silencios, e o tempo xestionámolo nós, non o candidato da oposición. Eu céntrome no traballo no concello e non me queda tempo para intrigar. Dun tempo a esta parte, con discreción, estivemos buscando caras novas para volver a acompañarnos e cando o decidimos démolo a coñecer como me gusta, en equipo. E así o anunciamos, con absoluta normalidade.

-E por que se presenta de novo?

-Porque fixemos moito, pero queda moito máis por facer. É certo que estivemos traballando en moitas cousas que moi poucos concellos de Galicia chegan, o PXOM, o Peprich que se vai aprobar en breve, a recuperación do casco vello, a dinamización do medio rural, o plan de protección das Catedrais... Hai moitas cousas nas que temos todas as bases postas e sería unha mágoa cortar con un proxecto así. Por iso na candidatura conxugamos experiencia con xente nova.

-Unha candidatura na que hai baixas significativas.

-Si. Paz (Ermida), Ana (Martínez) e Vicente (Castro), xente que deu o mellor de si, que levaban anos e querían facer unha parada para centrarse en outras cousas. Enténdese. Pero moito do bo que ten e que vai vir para Ribadeo vai levar a súa pegada.

-Cree que fixo méritos para renovar a maioría absoluta?

-O que sei é que traballamos todo o tempo con honestidade, esforzo e co ánimo de facer as cousas ben. Agora é a xente a que ten que xulgalo.

-Imos ver un Fernando Suárez con máis sintonía co aparato do BNG, ou por libre?

-Presentarse baixo unhas siglas é por algo, senón non o faría. Pero na lista hai xente que non ten procedencia ideolóxica do BNG, o que me alegra, porque na diversidade está a riqueza. Traballamos por Ribadeo sen pedir o carné a ninguén.

-Teme que o desgaste de gobernar tantos anos lle reste votos?

-Non o sei. Sempre que os ribadense me elixiron adquirín un compromiso persoal e tratei de cumprilo. Claro que non sempre podes gustar ou contentar a todos, pero gobernar non é un xogo, e tes que ser honesto.

-Como ve ó resto de grupos. O candidato do PP, Daniel Vega, dixo que o seu tempo xa pasara.

-E que vai dicir! Unha persoa que quere entrar ten que buscar un oco. Pero hai un detalle a ter en conta, que quen vai falar non é Daniel Vega, senón os oito e pico mil veciños censados con dereito a voto en Ribadeo.

-Que obxectivos ten para o mandato, se goberna?

-Sendo consciente das limitacións do concellos, por cuestións económicas e normativas, espremelos ao límite. Queda moito por facer, pero non nos foi tan mal... Hasta o máis cego pode ver o cambio que pegou Ribadeo neste anos. Pero hai que seguir mellorando.

-O seu sitio seguirá en Ribadeo?

-A miña vida está neste entorno. E cando pase a miña etapa no Concello de Ribadeo irei traballar á Veiga, onde teño o meu posto. Non teño máis aspiración.

«Eu céntrome no traballo no Concello e non me queda tempo para intrigar»

«A miña vida está neste entorno de dez quilómetros. Non teño máis aspiración»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Fernando Suárez: «Sigo porque fixemos moito, pero queda moito por facer»