«Somos as campioas do mundo en pescar con cana dende a beira do mar»

Coruñesas, Rosa López Villar e Sandra de la Fuente Sánchez levan o mar dentro. Unha é profe en Carril e a outra, médica en Ribadeo


A CORUÑA / LA VOZ

Non viven da pesca, pero sen a pesca non poden vivir. Sandra de la Fuente e Rosa López Villar veñen de lograr a medalla de ouro no campionato mundial de pesca deportiva celebrado en Langebaan (Sudáfrica). Coruñesa do barrio dos Mallos, Rosa traballa como profesora en Carril, onde se namorou deste deporte. Sandra, residente en Arteixo, é médica de urxencias no PAC de Ribadeo. Ela foi a primeira española campioa do mundo de pesca en mar-costa (Brasil, 2007). E a única ata hoxe.

Pregunta. Non haberá costa aquí para ter que ir pescar a Sudáfrica?

Sandra de la Fuente. Nós encantadas de ir ata alá! Fomos á fase previa do campionato con toda a ilusión do mundo por clasificarnos.

P. Que se pesca por esa zona?

S. F. Principalmente, peixes guitarra, blu ray e aguias mariñas. E Rosa colleu rubios.

Rosa López. Si, eu pesquei un par de escachos, aos que en castelán lles chamamos rubios. Por iso, o xornalista Pablo Portabales facíame a broma o outro día de que pesquei un rubio en Sudáfrica!

S. F. A verdade é que hai moitos rubios en Sudáfrica. [Risas] Tamén pescamos algún sarguiño e bagres. Algunhas especies son tres veces máis grandes do que solemos pescar nas nosas costas.

P. A proba saíulles moi ben.

R. L. Si, somos unhas campioas na nosa modalidade, que se chama surfcasting e se practica dende a praia. Somos as campioas do mundo en pescar con cana dende a beira do mar.

P. Partían como favoritas?

S. F. No ránking está Croacia, Portugal, Francia... E nós.

R. L. Dende o primeiro día do adestramento, decatámonos de que tiñamos un equipazo, coas andaluzas Sandra Oliva e Marta Guerrero, a catalá Andrea Pina e a murciana Tomasa Costa.

S. F. Si, tiñamos tan visualizado que íamos gañar, que foi asombroso. Foi como unha especie de coaching. Sabíamos que podíamos facelo e que o tiñamos que facer. Íamos cantando na furgoneta, no almorzo, fixemos o noso baile persoal, dábamonos confianza unhas a outras. Os primeiros catro días da proba quedamos de primeiras; pero, o derradeiro día, entrounos o medo.

P. Poderíalles a presión?

R. L. Si, pode ser, porque todo o mundo se fixaba en nós. Todos estaban cos prismáticos mirando o que estábamos facendo.

S. F. Aínda que nesa proba final quedamos de sextas, ao final gañamos igual, porque tiñamos moita marxe. Íamos sobradas. Todos os capitáns dos outros equipos viñeron a felicitarnos.

P. Hai moitas mulleres practicando este deporte?

R. L. Hai mulleres, pero é certo que hai maioría de homes. E competindo, bastantes menos.

S. F. No pasado había máis mulleres competindo das que hai agora. Reduciuse á metade.

P. Porque pode ser?

S. F. Pescar é caro. As subvencións reducíronse. A crise non axudou.

P. Aparte de caro, é un arte.

R. L. Inflúen tantas cousas! O vento, se entran algas, cangrexos...

S. F. As condicións do mar, a presión atmosférica, a lúa, as mareas...

P. No seu caso, Sandra, foi o seu terceiro mundial. ¿Repetirá?

S. F. Estou cansada. Prefiro estar con meu fillo que aparellando. Sempre digo, este é o último e planto as canas. E ó final...

P. Están clasificadas para o estatal.

R. L. Si, será en novembro.

P. Que lle dixeron os alumnos?

R. L. Preparáronme unha benvida cunha pancarta e todo!

P. E na súa consulta, Sandra?

S. F. Cando ven un paciente por ferida de anzol, si sae o tema. Pero sempre o saco ben!

«Si vou co meu fillo a pescar e en tres días non colle unha robaliza, non vai querer volver»

As coruñesas Rosa López Villar e Sandra de la Fuente son as mellores pescadoras do mundo. A partir de aí, unha traballa no sur de Galicia (en Carril), outra no norte (en Ribadeo)... E unha (Rosa) está iniciándose no mundo da pesca, mentres que a outra (Sandra) está pensando xa na retirada.

P. Sandra, cando empezou vostede a pescar?

S. F. Aos 6 anos; veraneaba en Tarragona e eu tamén quería coller eses peixes pequeniños na beira do mar. Pedinlle ó meu pai unha cana e empecei a pescar.

P. Tería sido posible iso aquí?

S. F. En Galicia levamos un certo atraso coa iniciación do surfcasting. En Cataluña xa hai moitos anos que se practica así.

P. Aquí tamén, pero menos?

S. F. Galicia non é o Mediterráneo. Inflúen o clima, a fisionomía da costa e as especies. Se queres que un neno se inicie e goce, ten que estar collendo pescado.

P. Introducilo noutras especies?

S.F. Si vou co meu fillo e, en tres días, non colle unha robaliza, non vai querer volver. Gustaríame involucrar máis en achegar a pesca aos rapaces.

P. Rosa, como se enganchou vostede a este deporte?

R. L. Cando marchei a Carril para ser profe, entrei en contacto co mundo do marisqueo, as bateas, a ameixa... Moita xente ten unha pequena embarcación coa que sae a pescar. Eu lles dicía: A min cando me levades? Iso converteuse neste enganche total e absoluto.

P. Que lle da a pesca?

R. L. Permíteme encontrarme a min mesa; dáme moitos momentos de paz e de desconexión. Ademais, está o encontro coa natureza. Podo quedar horas mirando para o mar e non me canso. En vez de pensar en problemas, penso en si lle meto un pouco de lura na punta do anzol. [Risas]

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Somos as campioas do mundo en pescar con cana dende a beira do mar»