«O tempo de Ego Suárez xa rematou»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

«O PP xa gaña as eleccións autonómicas e xerais. Hai base para recuperar o goberno municipal»

08 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O deputado autonómico Daniel Vega é o candidato do PP a alcaldía de Ribadeo. Foi o primeiro en presentarse e xa leva tempo traballando nas listas, preparando o seu desembarco na política local. O seu obxectivo é, cando menos, que o PP recupere o terreo perdido tras dous mandatos con maioría absoluta do BNG e un liderazgo incuestionable do alcalde, Fernando Suárez. É realista dicir que Vega aspira á alcaldía?

-Si, claramente. Nós saímos a gañar as eleccións e temos proxecto e equipo. O PP xa ten acreditado gañar as eleccións autonómicas e xerais en Ribadeo, polo cal hai base electoral para recuperar o goberno municipal.

-E como a vai convencer para que vote a Daniel Vega?

-O primeiro, con un equipo de persoas da vila e do rural. O PP xa se vén presentando como unha alternativa de goberno, non solo como un partido que está fiscalizando todo o que non se fixo en Ribadeo, e se prometeu, nestes doce anos de goberno do BNG. Unha mostra son as actividades culturais de estes días, cos concertos de Amancio Prada ou de Rosa Cedrón; ou coa colaboración que estamos tendo coas asociacións e colectivos da vila e das parroquias. Son xestións nosas, do PP de Ribadeo como equipo e miñas como deputado. Outro exemplo ben visible foi o amaño da estrada Reme-Vilamar, conseguida por nós. E tamén o desbloqueo, que vimos de anunciar, da parálise na que estaba o dragado do porto deportivo e do canal a Mirasol, que agora se vai facer con 500.000 euros. Esas son realidades, co noso traballo. Non é falar por falar.

-E por que se precisa un cambio de goberno?

-Porque o de Fernando Suárez tocou ao seu fin. Foron doce anos nos que non resolveron os grandes problemas de Ribadeo e requírese que veñamos outros para solucionalos. Aí está o tema do abastecemento da auga de Lexoso, do que o único que vimos escoitando do alcalde son escusas e ataques á Xunta. Pero é que tampouco se fixo nada para mellorar o abastecemento dende Vilarbotote, solo queixarse. O rural ribadense, ben se ve como está, abandonado polo Concello. O campo de fútbol é outro exemplo, para o que a Xunta xa pon cartos e o alcalde o de sempre, queixarse. Temos aí o polígono industrial; non se activa como se debe o porto deportivo; no turismo non hai ideas novas; nin para o comercio... Non hai unha política seria para potenciar Ribadeo.

-O tempo de Fernando Suárez xa caducou?

-Xa fai tempo. En Ribadeo non hai alcalde e estase perdendo un tempo moi importante ao non explorar a colaboración coa Xunta ou co Goberno central. Coa Deputación o que ten é unha colaboración de intereses, non institucional. Se houbera colaboración co Goberno central hoxe o polígono non sería un fracaso, porque terían abaratado as parcelas, e se a tivera coa Xunta, moitas inversións poderían ter vido para Ribadeo. Pero iso non é posible se vives no enfrontamento constante. O Concello é de todos os ribadenses, pero o señor Ego Suárez fixo do Concello a súa sede, do seu partido, o do ego. Nin os seus compañeiros se fían del.

-Pensa que se vai a presentar?

-Si. Sen dúbida.

-E por que non o di?

-Dubida porque sabe que o tempo de Ego Suárez xa rematou Si o tivera claro xa se tería presentado. O que ocorre é que o seu ego é o que precisamente lle impide deixalo.