A armada mariñana apunta alto en 2019 en Preferente

I.D.R. VIVEIRO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

Co inicio do ano, os adestradores dos tres equipos mariñáns de Preferente, Viveiro, Foz e Ribadeo, fan balance

04 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

1- Que nota pon ao equipo polo momento?

2- Pediu fichaxes ao Reis Magos?

3- Que foi o mellor do que vai de campaña?

4- E o peor?

5. Que espera do seu equipo de agora en diante?

chusky, viveiro CF

(2.º, 42 puntos)

«Hai marxe de mellora, pero demos un nivel case incrible».

1- Un notable alto.

2- Igual chega algún. Estamos analizando posibilidades, e se algunha nos axuda a mellorar, estamos dispostos a reforzar tanto o ataque como a defensa.

3- O enorme traballo e compromiso dos xogadores en cada adestramento e partido.

4- O inicio, con tres derrotas que nos fixeron ter algunha dúbida. Pero sobre todo a grave lesión de Dani Carnota.

5- Sempre hai marxe de mellora, pero demos un nivel case incrible ata agora. No que queda de campaña espero que logremos reducir a media de goles encaixados e impliquemos a algúns futbolistas que necesitamos e tiveron pouco protagonismo

RAFA CASANOVA, RIBADEO fC (6.º, 31 puntos)

«Formamos un equipo no sentido máis amplo da palabra»

1- Creo que merecemos un notable. Hai cousas que mellorar. Pero polo traballo, compromiso e entrega dos xogadores, e incluso tamén polos resultados, a nosa nota ten que ser alta.

2- Non. Ningún. Estamos moi contentos co plantel que formamos e con ilo tiraremos ata o final da tempada.

3- Quédome coa integración dos novos a un grupo que levaba anos feito. Formamos un equipo no sentido máis amplo da palabra. Temos un moi bo grupo humano.

4- Se hai que lamentar algo é o baixón que demos nos últimos cinco ou seis partidos antes de gañar ao Agolada. Os malos resultados afectáronnos animicamente. Pero isto é moi longo, tódolos equipos teñen baches.

5- Todo o que quero pedir é que os xogadores sigan traballando como o fixeron ata agora. Tamén temos que evitar regalar tantos goles.

JESÚS GAYOL, CD FOZ

(17.º, 23 puntos)

«O fútbol non foi xusto con nós en algúns partidos»

1- Polo rendemento e traballo dos futbolistas, un 7.

2- Levamos pedindo fichaxes todo o curso. Temos varios postos coxos, pero é difícil atopar xogadores na Mariña. Só ficharemos se o que veña mellora o que xa temos.

3- O mellor está sendo a capacidade de traballo do equipo.

4- Cometimos demasiados erros individuais. Costáronnos puntos.

5- Pido traballo, compromiso e seguir competiundo en cada partido. Vimos de tres anos en categorías máis baixas, custounos adaptarnos á Preferente, pero estamos dando un bo nivel e o fútbol foi inxusto con nós en algúns partidos, como ante o Noia, por exemplo. Debemos seguir nesta liña. Non son nin máis nin menos optimista que no inicio do curso, penso que podemos conseguir a permanencia se continuamos así.