A figura e a traxectoria vital do afamado indiano, que fixo fortuna en América é hoxe bastante coñecida, aínda que quedan aspectos inéditos, á marxe de aqueles que pertencen á lenda. Con todo, o que motiva esta concisa nota é unha relevante curiosidade: entre o patrimonio do Centro que leva o seu nome, consérvase unha bandeira que ten inscrita a seguinte lenda: «Bandera oficial que ondeaba en el Real Arsenal de La Habana, que fue arriada en 1º de enero de 1899, al cesar la soberanía de España, recogida por el Excmo. Sr.D. Pedro Murias». Á marxe da hipérbole no tratamento, perpetrada polo fámulo de turno, autor do epígrafe, trátase do chamado pavillón naval, logo bandeira española de uso xeral, neste caso co escudo real coa bordura ovalada e partido, co león e o castelo.
Ofrecida a Primo de Rivera
A enseña foi protagonista en 1929, co gallo da visita do ditador Primo de Rivera á Escola, posto que lle foi ofrecida, para ser exposta nun museo. Pero o xeneral, ou levaba moita presa na súa viaxe a Asturias, ou por calquer outra circunstancia ?sen prescindir dunha súpeta obnubilación espirituosa--, rexeitou a proposta, de tal xeito que o retallo histórico, tan caro a Pedro Murias, ficou no Centro. Tense sinalado que foi a derradeira bandeira arriada na Illa, aínda que o Círculo de Artesáns da Coruña, conserva unha coa que agasallara a un batallón enviado a Cuba, que foi o postreiro en regresar, portando a devandita enseña. En calquer caso, parece seguro que o emblema conservado en Ribadeo, durante tempo ondeou no Real Arsenal da capital antillana, un dos asteleiros máis prestixiosos da América hispana e, ao decir do historiador Ovidio Ortega Pereira, só equiparable cos españois de Ferrol ou Cartaxena. Tómese como exemplo que o xigantesco navío «Santisima Trinidad», botado en 1769 saíu da rada do arsenal habaneiro. Foi afundido na batalla de Trafalgar en 1805.