Realizan unha curtametraxe para promocionar o Ribadeo indiano

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

A rodaxe tivo lugar a pasada fin de semana en varios establecementos e lugares, como O Cantón, o cemiterio ou o Círculo Habanero da Devesa

19 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa está todo en marcha para celebrar nas vindeiras semanas unha nova edición do Ribadeo Indiano, esa festa histórica, singular, que crearon na vila para se lembrar das orixes e que desde un principio é todo un éxito, sobre todo de participación cidadá.

En Ribadeo acaban de gravar xa unha curtametraxe promocional desta nova edición do Ribadeo Indiano, (gravada por Elfarero) onde representantes do concello e da Asociación Local de Comerciantes, Acisa, actúan en diversas escenas, nunha elaborada peza audiovisual dirixida por Elfarero Audiovisuales, e baixo un guión literario de Farruco Graña, concelleiro de Cultura, mestre e escritor.

A rodaxe desta curta -segundo explican- tivo lugar esta pasada fin de semana en varios establecementos e lugares de Ribadeo, coma no bar Cantón, Bodegas Nicanor, no cemiterio municipal e no Círculo Habanero, lugar verdadeiramente simbólico, entre outras localizacións.

Unha chulada

Unha chulada, todos caracterizados de época, de indianos, que diso se trata a festa, cos seus traxes e vestidos de liño, elegantes, como se pode ver nas imaxes de Elfarero. Aí está o alcalde, Fernando Suárez, concelleiros e concelleiras; o presidente de Acisa, Iriarte, etc; ata unha orquestra de época, La Revolución.

En Ribadeo esta festa xa está plenamente consolidada; ten arraigo e participación, e ten unha característica moi especial: é única, auténtica, non hai outra semellante en toda Galicia, e iso que hai centos de festas na comunidade, co cal tamén lle dá singularidade.

Na recreación do Ribadeo Indiano está implicada moita xente na vila, tamén a hostalería que participa desta festa dun xeito particular. Hai múltiples actividades, concertos, representacións, etc.