Ribadeo recupera a súa feira do libro, que comezará mañán

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

 Ata o domingo no parque de San Francisco

02 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañán, venres 3, comezará a feira do libro de Ribadeo ata o domingo no parque de San Francisco en horario de mañá e de tarde-noite (de 12 a 14 horas e de 18 a 22 horas).

Participan as librerías Aenea, Nobel, Balmes, Gran Enciclopedia Galega, Librería Anticuaria Galgo, Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Vivín, Pícaros Mundi e Gráficas Santiago. A feira do libro está organizada polo Concello de Ribadeo.

Mañán, venres, ás 12 abrirase a feira do libro e ás 19 horas o crítico e profesor Armando Requeixo presentará o seu volume «Mondoñedo literario» (libro que tamén presenta hoxe ás 20 horas no Centro Comarcal de Mondoñedo). Ás 20 horas terá lugar o pregón inaugural a cargo do escritor Xavier R. Baixeras. A feira será inaugurada polo concelleiro de Cultura, Farruco Graña. Ás 20.30 actuará o grupo de corda da escola municipal de música.

O sábado 4 de 11.30 a 13.30 haberá un obradoiro de creación de libros-pop up e escritura creativa.

De 12 a 14 horas haberá un percorrido poético por Ribadeo guiado por Xavier R. Baixeras.

Ás 12.30 presentarase «As tres xarolas», de Inés Fernández. Ese día ás 18.00 horas presentarase «Coñece o abecedario», a cargo de Mónica Pazos (da Mesa pola Normalización Lingüística). Ás 19 horas presentarase o poemario «Dun lago escuro», de Marta Dacosta. Ás 20.30 será presentado «Candideces», de Cándido Pazó. A xornada rematará ás 21.30 coas maridaxes literarias: viños e libros na Galería 56, organizadas por Pícaros Mundi en colaboración con Legado Gourmet.

O domingo será o último día da feira do libro; continuará o obradoiro de escritura creativa e ás 12 haberá unha performance a cargo do alumnado da escola de música. Ás 12.30 presentarse «Tempos do norte», de Mónica Justo e Roberto Martínez. Ás 13 horas haberá unha exhibición de danza no Cantón baixo a dirección de María Justo.

Xa na tarde do domingo presentarase ás 18 horas «Xoguetes naturais, argalladas dos pícaros», a cargo de José Manuel García.

Ás 19.30 presentarase «A casa do vapor», a cargo de Maumarela e para rematar ás 20.30 horas o grupo de teatro de Ribadeo representará un fragmento do «Inspector», de N. Gogol. Todos os días ao remate da feira haberá sorteo de libros por compras superiores aos 15 euros.

Colabora nesta feira xunto ao concello a Deputación Provincial de Lugo.