«A xoia medio ambiental de Ribadeo é a ría, moito máis que As Catedrais»

A alteración do esteiro está modificando a invernación de aves


Onte Ribadeo celebrou o Día Mundial dos Humedais. E ten unha boa razón para facelo, porque a ría é un dos espazos naturais privilexiados de España. Para divulgar a súa riqueza ?esa débeda sempre pendente en Ribadeo? houbo unha conferencia de José María Fernández Díaz-Formentí e pola tarde unha ruta pola ría para observar aves, dirixida por Óscar Chao e Enrique Sampedro, este último ornitólogo afeccionado, como el mesmo se define no seu blog sobre o estuario ribadense, e unha das persoas que mellor coñece as aves que habitan e invernan na ría, unhas catro mil segundo o último censo. E non dubida: «As Catedrais leva a fama, pero medioambientalmente falando a ría é a xoia da coroa de Ribadeo. O valor medioambiental que ten a ría é moi superior ao de As Catedrais, sen ningunha dúbida».

 

-Por que é tan importante a ría?

-Entre moitísimas figuras de protección que o acreditan, dende reserva natural en Galicia e Asturias a Zona de Especial Protección para as Aves, incluída na Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera... é un humedal Ramsar, unha lista da Unesco para referir os humedais de importancia internacional. En Galicia solo hai cinco e un deles é a ría de Ribadeo. A que se debe? Pois porque a nosa ría é importante para determinadas especies de aves que invernan nela. Hoxe non está tan claro que cumprira con iso, debido a que a presenza de determinadas especies de aves descendeu bastante drasticamente nos últimos anos. A ría ten moitas ameazas, por causas humanas, e non se está protexendo como se debería facer con un humedal de esta categoría. Non existe un plan de xestión integral, que por lei debía telo. Esíxese tomar medidas políticas para protexela, e con insto non quero criticar ao Concello de Ribadeo, que de feito si está facendo moito en relación coa ría, como crear unha web dirixida ao turismo natural e ornitolóxico, Ribadeo Birding, organiza actos divulgativos como a celebración do Día dos Humedais, etcétera.

 

-E por que aves é importante?

-Fundamentalmente pola poboación de anátidas, o que chamamos patos, e nisto a poboación máis importante é o pato asubión, o silvón en castelán, e tamén polo pato rabudo. Na década dos oitenta e dos noventa estas dúas especies tiñan unhas poboacións moi altas cando invernaban aquí, e por ese motivo a ría incluíuse no convenio de Ramsar. Estas cifras agora baixaron moito. Todos os anos fanse censos de aves, aquí por parte de Galicia e de Asturias, polo carácter específico da ría que comparten as dúas comunidades, e eses censos reflicten unha baixada preocupante de estas anátidas. Pola contra están chegando outras especies, como as aguias pescadoras, que xa levamos cinco anos nos que invernan dúas; ou o cullereiro, que se está incrementando moito. Este ano temos 16 invernando, cando antes era moi complicado velos.

 

-Engancha a ornitoloxía?

-Moito, porque é unha afección moi barata. Chega con uns prismáticos e unha guía de campo. E por outra banda, para ver paxaros vale case calquera sitio. Ribadeo é un lugar privilexiado, pero podes estar en Madrid e ir ao Retiro ou mesmo na rúa, contas as aves que aparecen e fas unha lista.

 

-É complicado?

-Non, pero cada día queres mellorar. Empezas con especies comúns e despois vas buscando diferenciar máis, machos de femias ou outra variedade da ornitoloxía que mobiliza a moitísima xente, que é buscar especies raras. Cando unha ave que non existe en Europa se desvía, por exemplo, de América por unha borrasca e chega á nosa zona, pois hai xente que está disposta a viaxar centos de quilómetros para vela en outro contexto ao seu.

ENRIQUE SAMPEDRO ORNITÓLOGO E AUTOR DO BLOG «RÍA DE RIBADEO»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

«A xoia medio ambiental de Ribadeo é a ría, moito máis que As Catedrais»