Antonio Cao: «Non recordo cos Cacholeiros comer unha pizza, pero tampouco hai que descartalo»
OUROL
Preside a asociación gastronómica que celebrará a súa próxima cita en abril, co VI Xantar da Primaveira no Asturias de Ferreira
15 feb 2023 . Actualizado a las 21:25 h.Di Antonio Cao, presidente da Asociación Os Cacholeiros, no folleto do programa de actividades do colectivo para este 2023 que a gastronomía é, para eles, «ese lazo invisible, pero presente na falacia flagrante que sempre acaba por xuntarnos ó redor dunha mesa con cadeiras e mantel». Cantas cousas se falan, debaten... ou calan en torno a unhas boas viandas, ainda que sempre existe aquel dito popular de «ovella que berra, bocado que perde», que ben poderiamonos aplicar nesta época de ano con tantos cocidos ricos ricos e fundamentais ao noso arredor, como o que eles mesmos degustaron a pasado fin de semana en A Taberna de Xerdiz, en Ourol, cita culinaria que precede a outras que vai ter ao longo do ano unha asociación que xa superou os 30 anos de existencia.
_A veces teranse visto na situación de xuntar a comida coa cena.
_[Sorrí] Si, moitas veces as nosas dixestións son longas e a sobremesa tamén.
_Igual que a vida de Os Cacholeiros. 30 anos xa.
_Si, leva activa dende 1992. A creación dos estatutos fora en setembro de aquel ano no antiguo Charly, pero xa o 24 de agosto houbera unha reunión informal, de nove amigos.
_E cal é a clave de tanta amizade personal e gastronómica, sobre todo actualmente que todo parece efémero e fugaz?
_A clave é quizás compartir cercanía e unha continuidade de todos os que estamos grazas á gastronomía, ao deporte, á natureza. É algo que temos arraigado dentro de nós. E uns tiran polos outros.
_Cal é a media de idade dos socios? A xente máis nova, que se 'entrega' más fácil á chamada comida rápida, anímase a entrar en Os Cacholeiros?
_O socio máis vello ten 76 anos pero tamén hai xente de entre 40 e 50. Si que hai moitos dunha franxa de idade entre os 46 e 56 anos. Os Cacholeiros engloban máis cousas; a base da que se parte é a boa gastronomía e a sobremesa como se facía antigamente, buscando ese momento de compartir, cando se falaba de cousas fóra da semana e do día a día, creando vencellos a partir de aí con outras cousas como deporte, camiñatas, ocio, viaxes... Partimos da gastronomía que a todos nos gusta, como é degustar un bo cocido ou unha boa lubina, pero ten que ter o gusto por compartir, valorar e respetar aos compañeiros tamén.
_Algunha vez fixeron un Xantar da Pizza?
_Non recordo que os Cacholeiros comeran unha pizza nas nosas convocatorias, pero tampouco hai que descartalo, porque hai que adaptarse aos tempos de hoxe. Todo ten o seu valor.
«Defendendo a nosa comarca, que é o que máis debemos arroupar, o que vemos é que todos adoitan estar á altura das circunstancias»
_Seguro que pedirlle un «top ten» de locais de hostalería podería poñelo nun apreto...
_É moi complicado. De todos os locais nos que estivemos nos sentimos agradecidos. Defendendo a nosa comarca, que é o que máis debemos arropar, o que vemos é que todos adoitan estar á altura das circunstancias. Comimos ben en todos e nos sentimos ben tratados.
_A pandemia, foi unha espada de Damocles para a hostalería?
_A Asociación Os Cacholeiros só deixou de facer actos en dous anos na súa historia: en 1997 e en 2020, este último dada a situación de pandemia. Esta foi unha situación incómoda para todos, e sorpresiva.
_Cando teñen que seleccionar un establecemento, que priman?
_Nos tempos de hoxe, buscamos a cercanía, según onde residimos, que nos sexa cómodo para ir e vir, e logo as costumes culinarias que cada local poida ter. Agora coas xornadas de cocidos, por exemplo, algúns da Mariña teñen o cartel de 'especialistas'. Así que para o cocido, buscamos un así. Por exemplo, para o VI Xantar da Primavera buscamos a cercanía, xa que o Mercado da Primavera se celebra no Valadouro de cara a finais de marzo (imos facelo no Mesón Asturias, de Ferreira), o XVIII Xantar de Caza, en novembro, será dentro da provincia (o ano pasado fomos ao Mesón de Crecente en Lugo) e a comida da Asamblea Xeral (en agosto será a número 32, que practicamente sempre se fixo en restaurantes da zona e volveremos a repetir, porque se nos agotan as opcións, en Casa Vicente de Castropol).
_Sempre comeron ben e a gusto, interpreto, pero tiveron algúnha anécdota para esquecer?
_Grazas a Deus, non se nos atragantou ninguén nos nosos xantares, como anécdota negativa. Si que nun Xantar da Caza de hai bastantes anos se nos alongou tanto a comida que ao saír había unha nevada espectacular.
_Como se entreteñen nas sobremesas que se eternizan?
_Son comidas nas que xa empezas a comer tarde, e cando te encontras a gusto, esa sobremesa alóngase. Un dos socios, e vicepresidente de Os Cacholeiros, Antonio Mandiá, deléitanos tamén coa guitarra española, á que acompañamos coa mellor maneira posible. É algo que se deu novo nas últimas comidas e é unha forma de animarnos.
_Agora si que lle pido unha confesión... personal. Cal é o seu prato preferido?
_Quizás me quedo co cocido, que é o que máis me encaixa dentro dos meus gustos. Comeríao tanto o 1 de xullo como o 31 de decembro. Tampouco quero olvidar un de toda a vida: unha boa tortilla con ovos do Valadouro.