O III Rally da Mariña, con 67 aspirantes, amplía percorrido

Redacción

OUROL

Presentación do terceiro Rally da Mariña
Presentación do terceiro Rally da Mariña XAIME RAMALLAL

A proba, do 10 ao 12 de setembro terá a base en Viveiro e pasará por O Vicedo, Xove, Cervo e tamén por Ourol e Muras, novidade

07 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de 67 pilotos -entre eles Víctor Senra e Jorge Pérez, primeiro e segundo clasificados do Campionato Galego, así como Iago Caamaño ou Alberto Meira- participará na terceira edición do Rally da Mariña, do 10 ao 12 de setembro. A proba consolídase e amplía percorrido, xa que pasará por Ourol e tamén polo municipio de Muras.

O deputado provincial de Deportes, Efrén Castro, participou no acto de presentación onte no alto do miradoiro de San Roque xunto ao director da Escudería Mix Rally Sports, Ignacio Davila, e alcaldes e representantes institucionais dos municipios polos que pasa o rally.

A carreira arrancará o venres coas primeiras pasadas dos dous primeiros treitos, en Muras e entre O Viveiró e Xerdiz. Xa o sábado, os participantes afrontarán as primeiras pasadas dos dous primeiros tramos. Posteriormente percorrerán os segmentos do Vicedo, a tripla pasada, Cervo -coa saída de diante da fábrica de Sargadelos- e de Xove, desde a carón da Praza do Concello, en dúas quendas. O percorrido total será de 124 quilómetros. O parque de control estará situado en Lavandeiras, Celeiro, e o de reagrupamento en Covas.

Os afeccionados que queiran acceder aos tramos cronometrados para seguir a carreira terán que rexistrarse previamente na web do rally (rallyemarina.wordpress.com).

 

O Rally da Mariña é a cuarta proba do Campionato Galego da especialidade, e o segundo en disputarse na provincia despois da Subida a Chantada.

Sete mariñaos

Participarán un total de sete pilotos da comarca mariñá: Samuel Fernández, Borja Ramudo, Brais Basanta, Ángel Galdo, Manuel Castro Pita, Diego Lage e Omar Polo.

A Deputación de Lugo patrocina con 24.000 euros o evento. «A disputa da terceira edición supón un paso adiante na consolidación do Rally da Mariña, que enche un oco ata daquela baleiro pese á gran afección ao motor que hai tamén nesta zona. É unha edición ambiciosa, outra mostra máis da puxanza deste deporte na nosa provincia», indicou o deputado provincial de Deportes.