A aplaudida «resurrección» do histórico grupo Os do 21, do Vicedo

Lucía Rey
lucía rey O VICEDO / LA VOZ

O VICEDO

O grupo de adultos Os do 21, nun ensaio de hai uns días no complexo Regal-Xunqueira
O grupo de adultos Os do 21, nun ensaio de hai uns días no complexo Regal-Xunqueira XAIME RAMALLAL

Vintecinco músicos e cantareiros do grupo de adultos da asociación cultural chegaron ata Portugal cos seus cantos de taberna

10 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«A asociación estaba case apagada e hai uns anos ocorréuseme ir falar coas ANPAS para dar clase de pandeireta nos colexios de Covas, O Vicedo, Galdo ou San Roque. E a raíz de traballar cos nenos, papás e mamás e mesmo avós e avoas puxéronse en contacto comigo para facer algo xuntos». Así relata Noe Piñeiro García, natural do Vicedo e veciña de Viveiro, como comezou a xestarse a aplaudida «resurrección» do grupo de adultos da asociación recreativa e cultural Os do 21, do Vicedo, da que é vicepresidenta. Neste momento forman parte de grupo de adultos vintecinco persoas, a maioría veciñas do municipio viveirense («do Vicedo somos catro», precisa), que dan vida a un animado grupo de cantos de taberna que ten actuado nos últimos tempos en distintos puntos, festivais e celebracións de Viveiro, Burela, O Valadouro, O Vicedo, Ortigueira, San Claudio, Cervo ou San Cibrao.

Tamén no festival de folclore internacional de Serreleis, no municipio de Viana do Castelo, en Portugal, ó que acudiron o pasado mes de xullo. Nel presentaron unha fusión coas nenas maiores da agrupación, ás que chaman «as ferriñas».

Moitos instrumentos

Unha vez á semana, o grupo reúnese nas instalacións do complexo cultural Regal Xunqueira para ensaiar e pasar un bo pedazo cantando pezas tradicionais ou composicións populares como «O sancristán de Coimbra» e cantigas que rezan letras como «debaixo do lavadoiro onde María lavaba había unha sementiña que Manolo amañaba...!».

«Temos pandeiretas, un tambor, bombo, pandeiro, gaita e acordeón, cunchas e castañolas, e o ano pasado tamén tivemos unha rapaza que tocaba a güira, un instrumento de percusión que se toca, por exemplo, nas cumbias», comenta Noe Piñeiro, que se dedica profesionalmente á música xa que é profesora de pandeireta, e dá clase na antiga escola de Xunqueira.

«A asociación Os do 21 comezou a funcionar no ano 1981, o grupo de pandeireta comezou hai oito anos e cantando levamos sete», indica, antes de destacar que o colectivo, que preside Vicente Parapar, conta tamén con grupos de baile: o das pequenas e o das medianas. Son as «ferriñas», coas que comparten escenario en ocasións.

«O compoñente máis novo ten sobre trinta anos e os maiores andan polos setenta, e maioritariamente somos mulleres. Homes só hai catro», detalla Noe, que recorda de onde procede o curioso nome de Os do 21. «Cando a xente do Vicedo ía á sega a Castela e buscaba pousada para durmir preguntábanlle: ‘Cantos sodes?'. E dicían: ‘Somos vinte e un burro'. Porque sempre levaban un burro, e así foilles quedando o nome de ‘os do 21'», expón.

Comenta que, logo duns anos nos que parecía que a tradición da música e do baile galego perdía forza, o movemento comeza a recuperarse. «Á xente gústalle moito. Penso que cada vez lle gusta máis. Estaba todo como durmido, como que o tradicional o fomos deixando de lado por outras músicas, outros bailes..., e parece que agora se volve recuperar», indica a pandeireteira, que pon en valor o intenso traballo de realizan outros grupos da zona, como Espera que vou mexar! ou Amigos do Fol, entre outros.