Gran éxito da presentación no Gaiás de «Jakobsland», a curtametraxe ambientada no pasado viquingo do Vicedo

La Voz O VICEDO / LA VOZ

O VICEDO

A curtametraxe foi presentada en Santiago, na Cidade da Cultura, antes de viaxar a festivais internacionais como o de Miami
A curtametraxe foi presentada en Santiago, na Cidade da Cultura, antes de viaxar a festivais internacionais como o de Miami CEDIDA

Máis de douscentos veciños dos concellos do Vicedo e Mañón desprazáronse á Cidade da Cultura para asistir á estrea

13 mar 2022 . Actualizado a las 14:18 h.

Máis de duascentas persoas dos concellos do Vicedo e Mañón se desprazaron este sábado á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, para asistir á presentación oficial de «Jakobsland», a curtametraxe sobre a historia viquinga do Vicedo. A cinta comezou desta maneira unha xira que a levará a ser proxectada nos principais certames de cine internacionais. Desde xeito, o próximo 18 de marzo será estreada en Miami. En Santiago o público gozou dunha historia viquinga ambientada na costa do Vicedo, e que nace coa vocación de potenciar «unha parte pouco coñecida da historia de Galicia: as invasións normandas e o asentamento destes pobos en puntos como os Moutillós, no Vicedo», segundo destacaron os seus promotores. Durante a estrea, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, convidou ós asistentes a difundir este anaco de historia, e a participar na romaxe viquinga que este ano se celebrará a fin de semana do 30 de xullo.

Os actores do reparto, Isabel Blanco, Serxio Pazos e Alfonso Agra destacaron a importancia de apostar pola cultura en tempos convulsos como os que vivimos. Nesa liña, o propio director, Roque Cameselle, quixo poñer en valor o propósito de facer cine, «un acto de valentes».

A estrea de «Jakobsland» supón o lanzamento dunha innovadora forma de financiamento, posto que se trata da primeira curtametraxe galega que se cofinanciará a través da venda de Tokens de utilidade e NFT. Carlos Perez, o director financiero, convidou a todo o público a participar nesta iniciativa formando parte dun proxecto no que quere implicar a toda a comunidade.

«Jakobsland» é un proxecto audiovisual de Queiman e Pousa, dirixido por Roque Cameselle que narra unha historia conmovedora: épica, emotiva, entretida e además, permite coñecer unha parte da nosa riqueza cultural bastante descoñecida e pouco tratada polo cine español.

Xira internacional

Miami será o punto de partida. A principios de abril presentarase oficialmente en O Vicedo, e desde alí a cinta viaxará a Chiapas (México) onde se visionará o día 27 de abril. De regreso a España, presentarase o 21 de maio en Madrid, o 26 en Barcelona e o 27 en Sabadell. No mes de outubro, o día 8, visionarase en Lleida e o 9 en Barcelona, coincidindo coas celebracións no exterior do San Froilán.

No reparto figuran, entre outros, Isabel Blanco, Alfonso Agra, Serxio Pazos, Bruxo Queiman e Andrea Pousa. Tamén sobresae a presenza de actores internacionais como Paul Kavanagh, actor de Vikings e de Xogo de Tronos e participante activo en máis dunha ocasión na Romaxe Viquinga; ou Tim O'Sullivan, actor de Xogo de Tronos e Viking Empire.

Breve sinopse

Galicia, ano 968. Unha muller rescata a un normando malferido entre os restos dun naufraxio. A pesares das reticencias dos señores da cidade, dalle acubillo na súa casa. Ela non o sabe, pero o extranxeiro garda un segredo que pode salvar ao seu pobo.

O patrocinador oficial é O Concello de O Vicedo. Tamén se conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Fundación Mondariz-Balneario, Red Mundo Atlántico, Concello de Mañón e de diferentes establecementos locais como Restaurante Casa Fanego, empresarios e institucións comprometidos coa cultura e coas raíces.