O Vicedo recordará cunha Piedade de pedra ós emigrantes que non volveron

Fondos privados pagaron a peza que será bendicida mañá no cemiterio parroquial

Dolores Lamelas e Manuel Salgueiro, colaboradores da parroquia, mostran a imaxe da Piedade colocada para homenaxear aos emigrantes que non puideron volver
Dolores Lamelas e Manuel Salgueiro, colaboradores da parroquia, mostran a imaxe da Piedade colocada para homenaxear aos emigrantes que non puideron volver

o vicedo / la voz

Algúns están soterrados no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires (Arxentina); moitos no Cristóbal Colón, de La Habana (Cuba); outros en Caracas (Venezuela), en Montevideo (Uruguai)..., pero todos teñen en común o feito de ter nacido no Vicedo. Son os emigrantes que por algunha causa non volveron, e aos que a parroquia de Santo Estevo en colaboración coa asociación cultural Orde Templaria axudará a recordar cunha Piedade de pedra que este sábado pola tarde será bendicida no cemiterio parroquial. «Non hai casa no Vicedo na que non haxa algún familiar, algún tío avó, algún avó, algún bisavó... que fora para Arxentina, para Cuba... e non volvese», explica Manuel Salgueiro Fernández, colaborador da parroquia e membro da Orde Templaria.

A peza escultórica, fabricada con pedra do país, mide en torno a metro e medio de alto e representa a imaxe da Virxe María acubillando no colo a Xesús morto tras ser crucificado. Está situada na parte traseira da capela que hai no medio do cemiterio, colocada sobre un altar e diante dun enorme cruceiro de pedra que tamén foi financiado pola parroquia e o colectivo cultural sen subvencións públicas de ningún tipo.

Dolores Lamelas Quelle, outra das colaboradoras da parroquia de Santo Estevo do Val, relata que a idea de render esta pequena, pero sentida, homenaxe aos emigrantes que non volveron xurdiu hai ao redor de dez anos. Durante este tempo, pouco a pouco, sen présa pero sen pausa, os impulsores do proxecto foron recadando entre persoas particulares os cartos necesarios para encargar a obra. «É un recordo da que xente que naceu aquí, que se foi e que non puido ser enterrada na súa terra», subliñan Salgueiro e Lamelas.

«Non hai casa no Vicedo, igual que en moitos sitios da Mariña, na que non haxa algún familiar que foi para Cuba, para Arxentina..., e non puido ser soterrado na súa terra», Manuel Salgueiro, colaborador da parroquia de Santo Estevo do Val (O Vicedo)

Nesa liña, Salgueiro recorda que foron moitos os habitantes do Vicedo, tanto da parroquia de Santo Estevo como das de Riobarba ou Negradas, entre outras, que na primeira parte do século XX, e especialmente na década dos vinte e antes da Guerra Civil, fixeron as maletas para coller un barco que os levou ao outro lado do océano Atlántico, onde os agardaba un futuro incerto aínda que de esperanza. A moitos foilles ben, tiveron unha vida próspera e mesmo puideron regresar á súa terra natal, pero tamén outros moitos que non correron a mesma sorte, e que tiveron que facer fronte a desgrazas e complicacións de todo tipo que non lles permitiron volver.

Unha misa ás seis da tarde

O acto de inauguración terá lugar o sábado a partir das seis da tarde. Se a meteoroloxía o permite, haberá unha misa a partir das seis da tarde no cemiterio parroquial para bendicir a imaxe da Piedade. O encargado de oficiala será Cristóbal Rivas Díaz, párroco de Santo Estevo.

  • O EPITAFIO:

Ás mulleres e ós homes de O Vicedo que un día marcharon para seguir e rematar as súas vidas en terras ou en mares lonxanos, pero que nunca esqueceron as súas orixes; e, coa súa marcha, contribuíron a facer unha sociedade mellor. A súa presenza, a súa lembranza e a semente que deixaron permanecerán para sempre entre nós, e a nosa gratitude será eterna

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Vicedo recordará cunha Piedade de pedra ós emigrantes que non volveron