Mar destina 156.800 euros ás confrarías da Mariña para contratar vixiantes e biólogos

La Voz VIVEIRO/ LA VOZ

O VICEDO

Á dereita, pintada de azul, a confraría de Celeiro
Á dereita, pintada de azul, a confraría de Celeiro PEPA LOSADA

Agrupadas, reciben arredor de 52.000 euros as de Celeiro-O Vicedo e Burela-San Cibrao, igual que a de Ribadeo coas mariscadoras de Barreiros

07 nov 2020 . Actualizado a las 13:33 h.

A Consellería do Mar destina 156.800 euros ao conxunto das confrarías lucenses para reforzar a vixiancia e elaborar e supervisar os plans de xestión que garanten a conservación e explotación responsable dos recursos mariños na provincia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a Administración autonómica renova o seu apoio a todas as confrarías mariñás para contratar a nove profesionais encargados das tarefas de vixiancia e de asistencia técnica (biólogos) durante un período de doce meses.

«Como novidade, a través da convocatoria deste ano finánciase a implantación dun sistema de xeolocalización co obxectivo de mellorar a coordinación e seguridade dos vixilantes dependentes das confrarías de pescadores», sinalaba. Así, a orde establece que cada un dos efectivos de vixiancia levará un dispositivo de xeolocalización para facer un seguimento en tempo real da actividade desenvolvida e para dispoñer dun histórico do traballo realizado.

Para acceder a esta axudas, as confrarías mariñanas decidiron compartir servizos. Así, solicitaron de xeito agrupado as achegas as confrarías de Celeiro e do Vicedo, que reciben 52.416 euros; Burela e San Cibrao, que suman 52.446 euros, e o pósito de Ribadeo xunto á asociación de mariscadoras de Barreiros, con 51.986 euros.

«Cada agrupación obtén apoio da Xunta para contratar a dous vixilantes e unha asistencia técnica, así como para financiar os equipos de xeolocalización», explicaba Javier Arias.

Cómpre lembrar que as tarefas de protección e control de recursos mariños tamén contan co persoal propio da Consellería do Mar, biólogos e integrantes do servizo de Gardacostas de Galicia.

Estas axudas están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e son subvencionables os proxectos que teñan como obxectivo mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños, entre os que se inclúen a elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos e a optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños.