Premio de Turismo para O Vicedo por cuidar O Fuciño do Porco

S. C. O VICEDO/LA VOZ

O VICEDO

XAIME RAMALLAL

Concedeuselle ademais por promover un turismo activo cos Mércores de Natureza e histórico coa Romaxe Vikinga

12 sep 2020 . Actualizado a las 10:45 h.

O Consello Provincial de Turismo acordou nun pleno extraordinario celebrado por vía telemática que os gañadores da primeira edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense fosen o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra. No apartado gastronómico premiaron á aplicación Xantarda e ao restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

«O Concello do Vicedo recibe o galardón -explicaron- por desenvolver iniciativas e proxectos ligadas ao turismo sostible e responsable. É o caso dos Mércores de Natureza, a través dos que se impulsan actividades de turismo activo, nas que se mesturan accións deportivas, ornitolóxicas, de natureza e xeolóxicas. Tamén pola introdución dun conxunto de medidas para controlar e mellorar a experiencia dos visitantes que acoden a coñecer o Fuciño do Porco e, entre outras, impulsar a Romaxe Viquinga, un evento vencellado ao patrimonio e á historia deste municipio da Mariña».

O Fuciño do Porco é hoxe por hoxe o segundo foco de atracción turística na Mariña, detrás das Catedrais en Ribadeo.