Jesús Novo: «Ser patrón con 21 anos non é fácil»

ANDRÉS VÁZQUEZ / S.C. O VICEDO/LA VOZ

O VICEDO

PEPA LOSADA

Navegou por medio mundo, foi armador e goberna O Vicedo desde o 2001

18 jul 2020 . Actualizado a las 13:22 h.

Jesús Novo (Estaca de Bares, 1959) chegou ao peirao pesqueiro do Vicedo coma quen cruza pola porta do fogar, sentouse no bar que hai alí coma quen se senta no seu sofá e relaxouse, despois dun intenso día de traballo, coma que pon as zapatillas de andar pola casa. Ten a súa lóxica, pasou moitas horas naquel porto, ultimamente dedicado á pesca deportiva logo dunha vida de vinculación co mar. Hoxe, entre a súa xente, ten todo dereito a sentirse así, na casa, pois ademais de ser lobo dese mar ao que segue tan ligado, é o alcalde do seu Vicedo.

Como na maioría dos casos, Suso, que é como todos nesta súa casa lle chaman, comezou a ir de moi novo ao mar, «aos 16 aniños, nos veráns xa iba ao bonito, a ver se gañaba algún diñeiro». Ao ser seu pai armador, «con 21 anos rematados de cumprir xa puiden comprar parte dun barco». Dende ben novo, queda claro, Suso tivo poder xestor sobre o negocio, algo que o marcaría durante a súa carreira, tanto na do mar coma na posterior. «Andar de patrón xa aos 21 anos facíase ás veces tenso, pensa que eu era un rapaciño no medio de 17 homes de 50 anos... E ademais no mesmo barco no que eu fora mariñeiro, que era da miña familia», conta o alcalde, que ademais de obter os títulos necesarios para o seu novo cargo, «sempre tentaba ir xunto de meu primo cando estaba el de patrón, antes de coller eu o cargo, mentres o resto durmían». «Eu nunca fun de moito pegar ollo», bromea Novo.

Por momentos aquel patrón de 21 anos tivo que combater grandes presións para manter o respecto dos que o rodeaban, que en ocasións non confiaban naquel rapaz que os mandaba. Ás veces reinaba a crispación, pois «non todos teñen o mesmo aguante, e en xornadas de 70 horas sen deitarnos...». Como moitos outros barcos de Celeiro, andaban ao Gran Sol, ao pincho. A presión, a incerteza do mar, é o que lle faría, sen dúbida, elexir unha e mil veces o seu oficio. Sempre había preocupacións, pero sobre todas elas estaba a de «asegurar que as 17 familias que ían comigo gañansen un bo diñeiro, porque se non se pesca a culpa é do patrón, de quen carallo vai ser?».

No mar dende terra

«Se non controlabas, se non xestionabas dende terra o que pasaba no mar, malo». E iso foi precisamente o que comezou a facer Suso Novo pouco antes dos anos 90. Dende o seu posto de armador, sempre en sociedade co seu curmán e coa súa irmá, protagonizou a modernización da súa flota, que chegou a ter «ata catro barcos á vez». Os tempos cambiaron moito, os equipos e a tecnoloxía non teñen nada que ver; dende os radares de cando Suso comezou, que «daban señales cando lles petaba e non se podía fiar un», ata os que el incorporou aos seus buques, que son completos equipos de navegación cos que «calquera rapaz novo que se fixe en como se traballe pode ser patrón». Na súa empresa sempre apostou por manter á frota sempre á vangarda de todo o porto, xa que co paso dos anos, compensaba.

Xestión privada, xestión pública

Pasados os 90 e iniciado o novo milenio, Novo fixo compatible a xestión da súa empresa coa xestión da súa vila, do Vicedo, onde é alcalde dende o 2001, elexido sempre por maioría absoluta. «Grazas a iso aprendín que a xestión privada non se parece á pública, pois na primeira encárgaste dos teus cartos e se os perdes, é cousa túa e da túa empresa, pero cando se traballa co diñeiro de todos, débese coidar aínda máis a maneira de empregalo».

Primeiro patrón, logo armador e hoxe alcalde: unha vida adicada á xestión e ao interese público. Unha vida guiada, tamén, por ese gusto polo risco e pola aventura, sexa en terra ou no mar.

A aventura na Patagonia Arxentina a finais da década dos 90

A través dun convenio dunha empresa na que tiña participación Porto de Celeiro co goberno da Provincia de Chubut, situada en plena Patagonia Arxentina, unha delegación de profesionais galegos foron parar a finais da década dos 90 á Arxentina, co fin de ensinar a persoas daquela parte do mundo a arte do palangre, tan empregada polos barcos con base no porto ubicado na Mariña Lucense. «Mesmo se fixeron cursos para xente que estaba no cárcere, ou tamén para mulleres en situación vulnerable socialmente», comenta Suso Novo, daquela profesor. En troques da ensinanza, os barcos galegos podían pescar nas augas do país americano e mesmo estaban en poder dunha planta de procesamento de filete de pescada e dalgunhas especies de crustáceos, «na que tíñamos 160 obreiros».

A aventura comezou estraña, pois cando Suso chegou á Prefectura Naval Argentina, «o que sería aquí a Capitanía», ensinoulles o título profesional de patrón de pesca de altura «e non lles valeu, pero cando me viron na carteira o de patrón de iate deportivo, viron badeiras e cores e dixeron: ‘Este, es este’, cando estaba claro que non era, pero viron que poñía ‘capitán’ de iate e gustoulles». Durante os catro anos que estivo na Arxentina deulle para facer negocios, chegando a administrar catro barcos, con «mariñeiros moi válidos e traballadores, aínda que os arxentinos teñan fama de preguiceiros».

En moitos outros puntos do mundo estivo Jesús Novo. «Por suposto, no Gran Sol, onde máis tempo botei, pero tamén estiven aquí na costa á volanta, en Canarias ao atún e ao bonito, en Mauritania, nas Azores ao espada...». Medio mundo percorreu o patrón Novo, hoxe afincado e «xestionando» o barco que representa o Concello do Vicedo.