«Luciano Pérez estivo agochado nun foxo da súa casa do Vicedo do 36 ao 40»

Lucía Rey
lucía rey O VICEDO / LA VOZ

O VICEDO

PEPA LOSADA

O profesor xubilado e investigado Claudio J. Castro Lage falará este venres no Vicedo sobre a figura deste alcalde de Riobarba dentro do ciclo de Nordés

22 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta Claudio J. Castro Lage (Lugo, 1954) que cando chegou a O Vicedo hai case trinta anos viu unha rúa rotulada co nome de Luciano Pérez. «O máis que chegaron a dicirme foi que fora alcalde e que estivera escondido na casa por motivos políticos. Moito máis diso non había», recorda este profesor de Matemáticas xubilado, que deu clase no IES Ollos Grandes de Lugo ademais de realizar labores de xestión no extinto Ingabad (Instituto Galego de Bacharelato a Distancia). Amante da historia local de Lugo e do Vicedo, este venres dará unha charla sobre a figura de quen foi alcalde de Riobarba durante a República, entre 1933 e 1936. Comezará ás 20.00 horas na Casa da Cultura, dentro do ciclo Memoria dun tempo, que promove a asociación Nordés.

-Quen foi Luciano Pérez Riveira?

-Un home que naceu no Vicedo en 1899 nunha familia enorme de clase media-baixa e que chegou a ser alcalde de Riobarba, porque daquela a capitalidade do concello estaba alí, dunha maneira un pouco especial. Trala repetición dunhas eleccións, o resultado foi de 8 concelleiros para ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), 2 para os socialistas e 2 para o Partido Republicano Conservador. Con ese esquema, Luciano, que era socialista, foi elixido alcalde por unanimidade. Algo inusual vendo o panorama político actual.

-Algo especial debía ter...

-A partir de 1931, da proclamación da República, tivo moita actividade social. En concreto na fundación do pósito de pescadores e da agrupación socialista do Vicedo. Basta ver os escritos del e os plantexamentos nas sesións ordinarias para ver que era un home viaxado, moi culto, aínda que non tiña formación regrada. As opinións que recollo xa son de xente que non o coñeceu persoalmente, porque morreu no 1979, con 80 anos, pero garda recordos de pais, de avós..., e o que queda no común, tanto en xente que se podería catalogar de dereitas como de esquerdas, é que «era un bo home», «un home moi preparado», «ao daba gusto escoitar».

-Que aconteceu ao comezar a Guerra Civil?

-Nada máis empezar a Guerra é considerado «desafecto» ao Rexime. Temos constancia de que inicialmente estivo escapado, e que tivo relación cun fuxido famoso nesta zona, Xesús Iglesias Escourido, O Tizón. Logo estivo agochado nun foxo da súa casa do Vicedo do 36 ao 40, cando se entrega. Pasou 9 días no depósito de Viveiro e logo foi trasladado ao cárcere provincial, o actual Vello Cárcere. Estivo implicado en catro causas e foi condenado a 12 anos. Despois traballou de mariñeiro, foi á costeira do bonito e traballou na primeira fase da construción da liña de Feve. Cando se xubila vaise co seu fillo Manuel vivir a Cádiz, onde morre.

Alcalde socialista. Luciano Pérez foi elixido rexedor no 1933 e permaneceu no cargo ata o estoupido da Guerra Civil, en 1936.

É recordado como «un home bo». Axudou a fundar a Confraría de Pescadores do Vicedo e a agrupación socialista local, entre outros.