Recordo a un alcalde republicano de Riobarba na Casa da Cultura do Vicedo

O VICEDO

No disponible

O profesor Claudio J. Castro falará no ciclo Memoria dun Tempo o venres sobre a figura de Luciano Pérez Riveira, agochado desde 1936 a 1940

21 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Nordés traslada este ano á Casa da Cultura do Vicedo parte das xornadas Memoria dun Tempo. Tralo acto inaugural, que terá lugar mañá, xoves 22, ás 20.00 horas coa proxección da película «El silencio de los otros», Goya 2018 ao mellor documental e Premio do Público da Berline, haberá un debate con X. Luis Bará, da Iniciativa Galega pola Memoria. Ao día seguinte, venres 23, tamén ás oito da tarde, terá lugar un dos actos centrais do ciclo: o relatorio que ofrecerá o profesor e investigador Claudio J. Castro Lage sobre a figura de Luciano Pérez Riveira, que foi alcalde do Concello de Riobarba (agora Concello de O Vicedo), e que estivo agochado desde xullo de 1936 ata os primeiros meses de 1940 para, segundo destacan os organizadores do ciclo, «fuxir da violencia desatada polas forzas franquistas asolagando toda Galicia nese período e nos anos posteriores».

Despois da exposición de Castro, Nordés agarda «un bo debate» sobre un home que forma parte «da tradición oral vicedense, xa que deu pé a coñecidas anécdotas de cando estivo agochado». Ese día, sobre as dez da noite haberá un recital musical do cantautor do Carballiño Andrés Fernández. Finalmente, o sábado 24 ás 12 da mañá, a carón do monolito aos represaliados que hai na Ponte Vella pola banda do Barqueiro terá lugar a sétima Homenaxe a Republicanos e Libertarios.