As Alpuxarras

Bieito Romero MÚSICO

O VICEDO

11 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ahistoria di que en tempos da Reconquista un importante número de galegos, que oscila de maneira significativa segundo a información que se manexe, baixaron a repoboar a comarca das Alpujarras na serra granadina coa promesa de obter un futuro mellor. Os mouriscos acababan de ser expulsados daqueles territorios e as que foran as súas propiedades quedaron abandonadas, polo que o rei Felipe II, no ano 1571, proclamou un decreto para a súa repoboación dando prioridade ás xentes do norte: galegos, asturianos, cántabros…

Os que foron quen de sobrevivir a aquela longa e tortuosa viaxe e se adaptaron ás novas circunstancias, alí quedaron. Chama poderosamente a atención a cantidade de apelidos de orixe galego que aínda perduran como Lemos, Pereira ou Salgueiros, igual que parte dos topónimos desta comarca como Ferreirola, Pampaneira, Capileira, etcétera, que semellan tamén de orixe galega; pero, segundo din os estudosos, estes últimos teñen orixe mozárabe e evolucionaron do latín dun xeito semellante a como o fixeron tamén en Galicia, de aí o parecido.

O curioso é que só derivaran dese xeito aí, precisamente onde houbo esa gran presenza de poboadores galegos, e non noutras partes de Andalucía. Respecto ao topónimo de Alpujarras tamén hai diferentes hipóteses; unha que fala da súa orixe árabe saída de Al Bug Scharra traducible como «serras de herbas ou de pasto» -o que responde á descrición desas verdes ladeiras da serra granadina e á forte presenza árabe- e por outra banda a que fala da combinación da raíz céltica alp -que significa altura- coa latina serra dando como resultado alpumserras, interpretable como «serras altas», que tamén coincide coa descrición da orografía do lugar.

É curioso tamén que, onde case unicamente se volve a repetir o nome de Alpujarras é en varios concellos de Galicia como O Vicedo ou Tomiño, na forma galega Alpuxarras. Non hai moito tamén coñecín unha muller orixinaria do pobo de Laroles, situado na parte oriental da comarca, e díxome que a eles chamábanlle «los gallegos», así que...