«Que un domingo veñan 400 persoas ao Vicedo dá ambiente»

Y. GARCÍA O VICEDO / LA VOZ

O VICEDO

CEDIDA

O rexedor local enfatiza na importancia de eventos como o I Trail a nivel turístico local

20 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A celebración do I Trail Do Caolín ao Fuciño do Porco non ten so a súa relevancia dende o punto de vista deportivo. Tamén é un plus a nivel turístico para o Concello do Vicedo. O seu alcalde, Jesús Novo, valora de forma «moi positiva» o evento que tivo lugar onte, con tan boas cifras de participación, «cuns 400 inscritos e tendo a maiores que rexeitar máis inscricións», destaca.

-Para ser a primeira vez que se celebra, ademais, noraboa!

-Si, e que un domingo normal veñan arredor de 400 persoas ao pobo... Todas son ben recibidas e iso dá ambiente.

-Este tipo de actividades deportivas están en pleno auxe e axudan a fomentar o deporte. E son sinónimo de promoción.

-Dos anotados supoño que unha gran maioría coñecería toda esta zona, pero seguro que outra cantidade dos participantes nunca estiveron por O Vicedo e estou case convencido que van volver.

-O municipio é un dos da Mariña que destaca pola fermosa costa.

-Levamos moitos anos coa ruta de sendeirismo As Laxes, de O Vicedo vello á praia de San Román, e na carreira a continuación era coa do Fuciño do Porco. Pero xa antes nos sentiamos moi orgullosos desas rutas. Tamén temos a ruta homologada da costa, da que tamén xa estabamos orgullosos no Vicedo.

-Fala da homologada PRG 8.

-Si, a primeira que houbo en toda A Mariña foi a de Morgallón-río Sor-Morgallón. E aos catro anos, a outra, a da costa.

-Pola costa vicedense pasa tamén a Senda do Cantábrico.

-Coindice nalgún tramo, pero non na súa totalidade.

-Que lle pareceu o logo do «trail», un porco bravo?

-Gustoume moito!

-A raíz desta primeira carreira de montaña seguro que han de xurdir novas ideas no Vicedo.

-Falando de Fuciño do Porco, non vamos promocionar ata ter os aparcamentos. Primeiro imos facelos. Naquela zona temos unha antiga cetárea, das que se facían na rocha, e praias que non teñen practicamente acceso.

-Practica deporte?

-A verdade é que deporte pouco... e cada vez menos, porque antes ía cazar e percorría 18 ou 20 quilómetros ao día. Fago pouco. O meu deporte é a pesca, dende a miña embarcación.

-Polo menos camiñar ata Fuciño do Porco, varias veces seguro.

-O ano pasado fun 19 veces a Fuciño do Porco con compañeiros, medios de comunicación...