Ferreira acollerá o domingo 17 a presentación do «Cancioneiro do Valadouro», con 270 cántigas recompiladas por Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira
O VALADOURO
A cita dará comezo ás 19.00 horas na Casa da Cultura e será organizada polo Seminario de Estudos do Valadouro
14 may 2026 . Actualizado a las 18:34 h.A Casa da Cultura de Ferreira acollerá este domingo, 17 de maio, Día das Letras Galegas, a presentación do Cancioneiro do Valadouro. Trátase dun caderno especial editado polo Seminario de Estudos do Valadouro (Seva) que recolle 270 cántigas recompiladas por Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira. Durante o acto, que dará comezo ás 19.00 horas, haberá ademais tres interpretacións musicais: O pranto da Frouseira, musicada por Miro Casabella e interpretada por dúas cantantes, unha violinista e unha chelista de Lugo; varias cántigas co músico focense Mano Panferreteiro e a cantante Branca Villares, e a Mazurca do Cadramón, bailada por a Asociación Amado Lar. «O caderno contén unha colección de pezas tradicionais, autóctonas unhas, comúns ó resto de Galiza outras, que asegura a conservación neste tempos en que tantas cousas se perden. Van aquí as cántigas dos nosos pais e dos nosos avós, chegando o fío ata o século XVI, cando se compuxo nestas terras a primeira xoia da colección: O pranto da Frouseira, lamento da vella fortaleza, tamén perdida, que foi testemuña das traizóns e morte do seu señor, O Mariscal. Vai tamén unha peza musical que compuxo ó violín o crego de Aldixe, Abadín, no século pasado, bautizándoa como Mazurca do Cadramón, e da que xa ninguén no Valadouro garda memoria. E entremedias, 270 cántigas de temas, formas e caracteres varios, que foron cantadas e bailadas nas casas e nas festas desta terra que, xenerosamente, as conservou ata o presente. Agora, poñéndoas por escrito, compartimos a alegría de lles ofrecer a mancheas o futuro», destacan desde o colectivo social, cultural e patrimonial que preside Eduardo Fernández Galán.