O mariñao Grande Amore gaña o Martín Códax ao mellor proxecto de música electrónica

O VALADOURO

Nuno Pico, Grande Amore, actuando no Festival da Luz
Nuno Pico, Grande Amore, actuando no Festival da Luz PACO RODRÍGUEZ

O valadourense segue sumando novos recoñecementos ao seu proxecto musical

06 oct 2022 . Actualizado a las 21:33 h.

O músico mariñao Nuno Pico (O Valadouro, 1995), coñecido no panorama musical como Grande Amore, recibiu na gala celebrada o pasado mércores o premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica.

Grande Amore competía con Garza e Hilario Rodeiro polo galardón. «Xa teño máis Martín Códax que Rosalía», bromeou ao subir ao escenario para recoller o premio. Impulsados pola asociación Músicas ao Vivo, os premios recoñecen cada ano a un artista en diversas categorías.

Grande Amore despegou no 2021, cando quitou tres EP: un con Ortiga, outro con Mundo Prestigio e o seu debut en solitario, recoñecido pola web Hipersónica como o mellor disco do ano en España, nunha lista na que figuraban nomes coma o de C. Tangana.

Non puido obter o Martín Códax ao apartado de mestizaxe Catuxa Salom (Vilagarcía de Arousa, 1989), artista afincada desde hai anos no municipio da Pontenova. Neste caso, o galardón foi para Sheila Patricia.