Edmundo Maseda, alcalde do Valadouro: «Prevemos abrir o centro de día o vindeiro outono»

O VALADOURO

Edmundo Maseda, alcalde do Valadouro
Edmundo Maseda, alcalde do Valadouro PEPA LOSADA

Unhas 150 persoas participarán este sábado no Festival da Terceira Idade, que cumpre a súa 28 edición

21 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Esta é unha xeración que traballou moitísimo sen medios, que pasou anos durísimos nos 30, 40 e 50 e foron quenes máis sufriron coa covid. Moitos emigraron, outros lanzáronse a emprender e a esta xente debémoslle todo o que somos». Así resume o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, a homenaxe que rende o municipio aos maiores coa Festa da Terceira Idade, que este sábado volve tras dous anos de suspensión pola covid e que cumpre a 28 edición. Haberá comida (14.00 horas), baile con Lembranza, sorteos de produtos locais e agasallos para os veciños e veciñas de maior idade. Unhas 150 persoas participarán na cita.

Maseda anticipa que se disporá un buzón de suxerencias, con enquisas para que os maiores poidan opinar sobre posibles actividades a organizar de cara aos vindeiros meses. «Temos ideas para poder axudarlles a facer trámites telemáticos nos caixeiros ou na sede electrónica municipal, pero queremos tamén consultalos», sinala.

Os maiores supoñen un importante porcentaxe da poboación do Valadouro. De aí que a súa atención sexa un dos grandes retos que afronta cada ano o Concello, mesmo cando, lembra Maseda, «os gobernos locais non temos este tipo de competencias».

—Un dos seus obxectivos na presente lexislatura é a apertura do centro de día. En que punto está ese proxecto?

—Sería un alivio moi importante tanto para os maiores como para as súas familias. Levamos moito tempo pelexando para isto, as instalacións están equipadas e listas e en consenso con Política Social. Estamos preparando unha ordenanza municipal para poñelo en marcha, na que se van establecer procesos de selección, custos, etcétera. Levarémola a pleno e agardamos que a oposición estea á altura, penso que debe haber consenso en que é necesario sacar adiante este proxecto o antes posible. Esperamos que, se todo vai ben, estea funcionando en outono.

—Cantas prazas terá o centro de día?

—A Xunta en principio danos permiso para 24 usuarios, pero hai que ver se podemos satisfacer todas esas prazas, porque ademais haberá maiores cun maior grao de dependencia que requiran de servizos máis personalizados. Tentaremos beneficiar ao maior número de xente posible.

—Por que modelo de xestión optarán?

—Supoñemos que se fará unha licitación e será unha empresa quen se ocupe da atención dos maiores, agás da valoración das persoas beneficiadas, que será cuestión de Servizos Sociais. Coa nova normativa os procesos de selección de persoal están un tanto restrinxidos. Veremos o que podemos poñer para rebaixar o custo fixo por usuario, dado que sabemos que as pensións que predominan aquí son as da actividade agraria, as máis baixas. Andan polos 680 euros e para acceder a un servizo así todo o día fan falta todos os ingresos. Queremos facer o centro de día asequible para os pensionistas, veremos como podemos encaixalo nos orzamentos do Concello.

—En breve prevén licitar o SAF.

—Estamos licitando este servizo, conxuntamente con Alfoz, e manexamos unhas cifras no contrato para catro anos de seis millóns de euros. A atención á dependencia e coidado dos maiores supón un enorme esforzo para os Concellos pequenos. Asumimos as diferenzas entre o que nos ofrece a Xunta por hora, que ronda os 12 euros, e o prezo do mercado, máis de 18 euros.

—Están a ofrecer un curso de preparación para os coidadores.

—O coidado implica un desgaste psicolóxico que condiciona a vida dos coidadores. Colaboramos co centro de día Aloumiños, que o fai desinteresadamente, e é outra forma de que os maiores estean ben atendidos.