Ana Palmeiro: «Sentes impotencia e tentas animar, dinche que se palpa o silencio na illa de La Palma»

O VALADOURO

Ana Palmeiro, coa súa parella, Pablo, co que viaxa cada ano a La Palma
Ana Palmeiro, coa súa parella, Pablo, co que viaxa cada ano a La Palma AP

Esta valadourense pasa todos os anos as súas vacacións na illa onde erupcionou o volcán

24 sep 2021 . Actualizado a las 10:37 h.

Desde hai catro anos, cando comezou a relación sentimental que a une á súa actual parella, a valadourense Ana Palmeiro Rodríguez visita polo menos unha vez por curso a illa de La Palma, estes días de actualidade pola erupción dun volcán. A mariñá conta a sensación de impotencia que sente polo dano que causa o fenómeno natural nunha terra que adora e como están a vivir as súas amizades esta situación.

—Vostede e o seu mozo son asiduos de La Palma.

—Adoitamos viaxar alá todos os anos desde que estamos xuntos. Unha semana, dez días, o que sexa. Normalmente facémolo en xaneiro e por iso ata en 2020 estivemos alá, antes de que comezase a pandemia. Xa non pensamos noutro sitio para viaxar.

—Que lles gustou da illa?

—Viaxamos a primeira vez por saber que se escondía detrás da denominación Isla Bonita. Logo seguimos, ao descubrilo. Sempre nos comentaban que por que non iamos a Punta Cana ou á Riviera Maya, que alá todo é máis bonito. Pensaban que en La Palma non hai nada. E nós tentamos explicarlle á xente que ofrece todas as opcións. A natureza virxe é incrible, se che gusta o sendeirismo. A capital ten un valor arquitectónico incalculable. E logo tes os típicos complexos hostaleiros para gozar da praia.

—A que se dedica a xente alá?

—O turismo é moi importante, pero tamén o sector primario, a agricultura. Hai plataneiras, cultivan mango, aguacate… E ultimamente están potenciando a produción de viño. Parécese a Galicia e mesmo a xente somos parecida tamén na nosa forma de ser.

—Vostede ten varias persoas queridas alá. Como lles está a afectar a erupción?

—Nós quedámonos en Breña Baja, preto do aeroporto, na parte este, menos afectada. Teño varias amigas alá. Unha delas é guía turística do Cabildo e agora tiveron que parar de facer excursións e visitas guiadas. Isto é un golpe vindo xa da Covid-19.

Eles entenden que a longo prazo vai favorecer o turismo. Nas antigas coladas de San Juan tes opción de visitar os tubos volcánicos. Pero aquilo é do 1949. Así que non pensan niso. Só nos afectados e en que todo isto acabe canto antes para recuperar a vida normal.

—Que lle din as súas amizades?

—Din que aínda na parte este, porque en poboación La Palma é coma Lugo capital, pálpase o silencio, a tristura no ambiente. Esta mesma amiga tamén dicía que se senten as explosións, hai medo e incerteza porque non saben que pode pasar.

—Que sente vostede?

—Pena, moita pena porque a zona castigada é agrícola. Pensas na xente que investiu nos cultivos, en ter unha plataneira, e agora todo queda desolado. E a ver que axudas poderán chegar. Tentas animar, porque outra cousa non podes facer.