A política no Valadouro: de mimos e non de crispación

Pedro López Morillo

O VALADOURO

Pedro López Morillo
Pedro López Morillo XAIME RAMALLAL

O pobo non necesita pelexas, necesita poñer ao cidadán por diante de todo

13 sep 2021 . Actualizado a las 09:17 h.

empre dixen que un é de onde pace e non de onde nace. A miña terra natal, o Val de Lemos, é un lugar fermoso, acolledor, a carón da máxica Ribeira Sacra. Estou unido a esa zona. Pero se tivese que dicir de onde son, diríao claro: do Valadouro. É o pobo no que me criei. Fun ao CEIP Santa María do Valadouro e logo ao IES Alfoz-Valadouro.

Teño recordos en cada recuncho do val.

Somos un pobo cun gran potencial. A nosa situación xeográfica entre a Serra do Xistral e a Costa Cantábrica sitúanos nun lugar privilexiado, insuperable. Podería ser un pobo en crecemento, pero por desgraza, ao igual que moitos concellos da Provincia de Lugo, está en pleno retroceso. Cada ano perdemos máis e máis poboación. Xa non somos nin 2000 habitantes. Por que? Porque non hai futuro para a mocidade. Non quero escoitar iso de que non é posible facer crecer o pobo. Porque si que o é. Empezando pola educación. En 2019 presentouse un proxecto moi ambicioso que faría crecer o noso pobo mediante a implantación de ciclos de Formación Profesional con forte demanda na zona e que non hai na provincia. Aínda non tivemos resposta da Xunta. Haberá, agora que comeza a pasar a pandemia, que seguir insistindo. É o primeiro paso para volver a encher de vida o pobo. Temos que frear a pérdida de poboación. Axudar á natalidade, un plan de vivenda, a dichosa creación do polígono que se promete e se promete e nunca chega.

Temos o potencial para crecer ao igual que o están facendo os nosos veciños de Foz, por poñer un exemplo. Como moitos dos cidadáns do val, sinto unha enorme pena pola situación política actual do noso pobo. Hai mil proxectos que levar a cabo como para estar con esas pelexas que non levan a nada máis que a facernos perder o tempo mentres o pobo se vai afundindo lentamente. Non se trata de quen o faga, de quen sexa o alcalde ou alcaldesa, trátase de que se faga, de que se leven adiante as cousas. A xente quere ver que o que se di na campaña electoral se cumple integramente. A xente quere feitos, non palabras. A política debe estar única e exclusivamente para atender ao cidadán, para mimar á xente.