«Convocamos concentracións polo 8-M cumprindo todas as medidas»

y. garcía O VALADOURO / LA VOZ

O VALADOURO

CEDIDA POR GALEGAS 8M

Inma Orol: «Reclamar os dereitos non é incompatible con coidarnos»

02 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son varias as mulleres da Mariña integradas na plataforma Galegas 8M, un grupo formado por unas sesenta aproximadamente con representantes nos concellos de O Valadouro, Barreiros, Foz, Burela, Cervo e Ribadeo. En cada un están programados actos reivindicativos renunciando neste 2021, debido á situación sanitaria polo covid, a unha única convocatoria a nivel comarcal coma se facía outros anos. Dende O Valadouro, Inma Orol «alenta» ás mariñás a participar na cita do seu concello, á vez que chama á tranquilidade fronte ás críticas que aparecen nas redes pola convocatoria: «Convocamos concentracións en concellos pequenos e cumprindo todas as normas: de distancia, de máscara, manifiestación en columna... Non hai perigo. Tamén vemos que non é por unha alerta sanitaria polo que nos critican». Alude a «todo ese discurso antifeminista e misóxino disfrazado que di que nos quedemos na casa, que somos irresponsables se vamos, que os contaxios van saltar... Nós alentamos a todas as mulleres a acudir, coas medidas sanitarias. Dende Galegas 8M estivemos planificando dende o mes de xaneiro, tendo en conta estas circunstancias e que non podía ser coma outros anos». «Reclamar os nosos dereitos -engade- non é incompatible con coidarnos. Reclamar a igualdade das mulleres é fundamental, costou a vida de moitas mulleres que nos precederon, á vez que entendemos tamén o medo e o recelo de compañeiras que deciden quedar na casa. Estamos con elas, sempre. E nunca imos formar parte de actividades violentas que as culpabilicen por quedar na casa o 8M».

Orol lembra que tamén haberá outras iniciativas simbólicas, audiovisuais e dixitais, máis aló das concentracións para que chegue a todas a mensaxe do 8M como colgar o mandil no balcón, viñetas, lemas, etcétera... e un «traballo de pedagoxía» previo, sinala.

A pandemia, por outro lado, veu a supor tamén outra lousa máis enriba das mulleres, cando xa elas encabezaban antes tanto os traballos precarios como as listas do paro, e nalgúns ámbitos laborais e sociais con desigualdades aínda non plenamente corrixidas cando chegou o covid. Inma Orol recoñece como a situación sanitaria está a ser un paso atrás, pese a que «en pandemia, xusto os traballos máis precarizados foron esenciais, xuntouse o teletraballo para as mulleres coa crianza, máis os coidados de persoas maiores, traballos non remunerados... E algúns remunerados, precarizados. Ademais, caixeiras de supermercados, traballadoras das residencias, empregadas de fogar e máis... son traballos esenciais que sostiveron o sistema. Que máis razóns para reclamar os nosos dereitos».

CEDIDA POR GALEGAS 8M

"A desigualdade e o machismo tamén son pandemias"

Aquí unha relación dos actos convocados con motivo do 8M, previstos para o vindeiro luns, concello a concello na Mariña, por parte de Galegas 8M, aparte doutras iniciativas con carácter simbólico, coma o chamamento popular a colgar os mandíns, batas de traballo ou uniformes dende os balcóns, ou audiovisuais recollendo en vídeos (Cervo, Burela e O Valadouro) testemuñas de mulleres que contan as súa propias experiencias, ou en formato teaser (Barreiros) que se publicará en redes ao longo desta semana, así como a elaboración dunha «muiñeira feminista», colaboración con alumnado e creación de chapas (Ribadeo) ou programas de radio (Foz). «A desigualdade e o machismo tamén son pandemias», enfatiza Galegas 8M.

A axenda do 8M na Mariña

  • Cervo. Marcha e concentración en San Cibrao. Primeiro, saída ás 12.00 da manifestación, dende a Plazoleta (ao carón da Casa de Cultura) ata a zona do instituto Marqués de Sargadelos, con volta ao punto de partida. Segunda convocatoria: ás 20.00 na praza xunto á Casa da Cultura.
  • O Valadouro. Concentración no centro do pobo. A Praza de Santa María, en Ferreira, será o lugar desta convocatoria. A hora, ás 19.00. Na céntrica praza colocarase un tendal para que del penduren mandís, tamén en lembranza daquelas mulleres que non poidan ir.
  • Burela. Mandís e lemas na Praza do Concello. Estarán colgados fronte á Casa do Concello, con motivo da concentración convocada por Galegas 8-M, ás 20.00 horas.
  • Barreiros. Outro acto reivindicativo. Haberá un acto reivindicativo, ás 20.00 horas na Praza do Concello.
  • Ribadeo. Chamamento a manifestarse. Dita manifestación partirá ás 19.00 horas dende o aparcadoiro de camións xunto ao IES Dionisio Gamallo Fierros ata o espazo diante da Casa do Concello, onde se lerá un manifesto.
  • Foz. Concentración a mediodía. Ás 12.00 discurrirá ao longo da avenida focense da Mariña.