Crime e casualidade

Miguel Vila AO FÍO

O VALADOURO

20 mar 2019 . Actualizado a las 11:30 h.

crime de Santa Cruz era un dos meus mitos de infancia, cando escoitei a meu pai falar dun suceso que parecía sacado do cine, inda que a lápida de Santa Cruz acreditaba que todo fora certo.

Eu quería saber máis. A materia pendente cruzouse no meu camiño en Fonseca, na biblioteca da Universidade de Santiago, onde dei con El Crimen de Santa Cruz del Valle de Oro, publicado en 1890 en Mondoñedo, que recolle unha ampla información que parece sacada das actas do xuízo e remata coa sentenza. E despois, que?

Os xornais da época foron fonte de información extraordinaria sobre o sucedido dende o momento do crime ata despois daquel fatídico 29 de marzo de 1890 en que se cumpriu a sentenza de morte no campo da feira, ao pé da mindoniense igrexa dos Remedios.

Outra casualidade foi atopar a fotografía dos condenados que ilustra estas páxinas. Na biblioteca pública de Mondoñedo coñecín a Andrés García Doural que, ao saber do meu traballo, preguntou:

-E se che dou unha fotografía dos condenados?

-Será a portada do libro -contestei eu-.

E grazas a Andrés todos podemos coñecer a cara daqueles infelices.

Non acabaron aí as casualidades. Co orixinal xa na editorial, miña prima Xulia deixoume coa boca aberta cando comezou a recitar un cantar de cego referido ao suceso. Unha senil Adelina de Mouce recitábao sen parar cando Xulia, veciña da casa do lado, era unha nena. Tanto o escoitou que unha parte da historia quedou na súa cabeza e agora está documentada. Inda me pregunto o porqué de tanta casualidade.